O Concello de Sarria impide a creación de 60 postos de traballo no municipio coa operación de mercantil da Feculera. Así o indican os populares do municipio, quenes adiantan que, por este motivo e os que se sinalan a continuación, non apoian esta iniciativa, xa que, consideran, que a entidade local “lle está a facer competencia desleal as empresas de Sarria”.
Dende o PP fan esta aseveración porque existía unha coñecida empresa local que estaba interesada en adquirir estas naves para ampliar o seu negocio e crear con elo os 60 novos postos de traballo na vila. “Por unha banda, Garrido está atentando claramente ao futuro de Sarria. Está deixando perder 60 empregos cos que non só daría traballo a moitas familias da zona, senón que se axudaría a revitalizar o barrio de A Estación que, a día de hoxe, acusa un deterioro notable. E, pola outra, está impedindo que unha empresa poida medrar cando é coñecedor da carencia de chan industrial que existe dende hai anos no municipio”, subliñan.
E é que, ademais, o Concello non poderá usar a Feculera para usos sociais e culturais porque as naves nas que se sitúa están en chan industrial, o que implica que non poderán ser destinadas aos fins anunciados polo rexedor local.
Esta cuestión, “perfectamente comprobable e constatable”, é o desencadeante de que os populares rexeiten que o equipo de goberno compre este inmoble cos fondos doados por José Sanchez Arias, xa que a entidade local podería estar incorrendo nun “fraude de lei”, do que, indican, “non estamos dispostos a ser cómplices”.
Concretamente, José Sánchez Arias doou ao Concello máis de 350.000 euros, correspondentes á venda dun piso que este veciño tiña en Madrid, e fíxoo coa condición de que estes cartos se destinasen a actuacións culturais e benéficas. Agora, o Concello vén de negociar cunha entidade bancaria a adquisición das naves indicadas para construír no seu lugar unhas instalacións culturais, obviando a consideración urbanística indicada.
Os edís do PP consideran que “estamos ante un feito gravísimo” e non descartan recorrer aos tribunais se así fose necesario. E é que, ademais, existe un acordo plenario, aprobado en 2015, e por unanimidade de todas as forzas políticas -por tanto, tamén do propio Garrido cando formaba parte do Partido Socialista- de destinar estes recursos económicos a acondicionar e por en valor a Torre do Batallón; un elemento, din, que “si que é símbolo de Sarria e cumpre as condicións coas que Vento doou ese diñeiro ao Concello”.
Grave é tamén para os populares o modo en que o rexedor negociou coa entidade financieira as compra destas naves, xa que este trámite supón “unha alteración do prezo de venda”. “Ademais, anuncian un concurso que non se sabe para que é, e tampouco existe proxecto nin tan sequera taxación”, argumentan dende o PP.
O posible fraude de lei, o escurantismo na negociación e a competencia desleal ás empresas locais, son as tres consideracións que motivan que o Grupo Municipal do PP se opoña á actuación do Concello. Estas instalacións teñen uns 5.000 metros cadrados de superficie, distribuídos en varias naves comunicadas entre si.