A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, anunciou hoxe que o Grupo provincial socialista levará ao Pleno que se celebra mañá unha moción para esixir ao Concello de Castro de Rei que desbloquee a posta en marcha do Centro público de recría de gando vacún que o organismo provincial ten construído na Granxa Gayoso Castro.
Méndez destacou a “falta de lealdade institucional do Alcalde de Castro de Rei, que está a bloquear a apertura do centro de recría”, xa que a Deputación, coas obras rematadas e contando con todos os permisos ambientais concedidos pola Xunta, só está a agardar pola acta de comprobación das obras, un trámite burocrático elemental que depende exclusivamente do Concello.
A Vicepresidenta destacou que “o rexedor de Castro de Rei xustifica a parálise deste trámite municipal descargando a responsabilidade na Xunta cando non é certo”, subliñou Méndez. De feito, o pasado 28 de xaneiro a Deputación rexistrou un escrito no Concello no que achegaba o preceptivo informe favorable da Consellería de Medio Ambiente e, o 9 de febreiro, fixo o mesmo cunha petición expresa para que o Concello realizase a acta de comprobación á que, polo momento, este aínda non respondeu.
Pola súa banda, dende o Concello de Castro de Rei, afirman que é falso que se estea a bloquear a Licenza de Actividade do Centro de Recría de Castro Ribeiras de Lea, “porque somos os primeiros interesados na súa posta en marcha, que sen dúbida beneficiará aos Gandeiros da Provincia e do Concello”.
Sinalan que o retraso na concesión da Licenza “vén derivado de que a Deputación modificou recentemente o proxecto inicial, construíndo unha planta de biogás de 11´5 metros de altura en lugar da Depuradora que estaba prevista inicialmente no mesmo lugar”.
“Os Servizos Técnicos do Concello consideraron que era preciso que a Consellería de Medio Ambiente debía pronunciarse sobre o contido e alcance da Declaración de Impacto Ambiental (emitida en xaneiro de 2011) en relación con esta nova construcción, non contemplada no proxecto orixinario e que alcanza unha altura notablemente superior (11´5m) á depuradora que estaba prevista na súa ubicación, polo que entenden que o impacto ambiental que supón esta nova construcción debe estar amparado igualmente pola Declaración de Impacto Ambiental emitida en Xaneiro do ano 2011, xa que existe un elemento patrimonial catalogado nas proximidades A Medorra da Costa Moura que se pode ver afectada e que foi considerada na Declaración de Impacto emitida en Xaneiro de 2011 sen reflexar esta nova construcción que alcanza 11´5 metros de altura”.
O alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiro, acusou á Deputación de estar a coaccionar e presionar os Servizos Técnicos Municipais, “pretendendo que por parte da Alcaldía miremos para outro lado e vulneremos a legalidade, actuando en contra dos criterios dos técnicos, que son os que deben determinar o momento de Concesión da Licenza de Actividade e non os políticos”.