A Deputación dotará de desfibriladores a 49 concellos para aumentar a protección da veciñanza ante fallos cardíacos

O Presidente da Deputación, José Tomé, informou este venres da aprobación na Xunta de Goberno do convenio marco que permitirá poñer en marcha o programa Lugo, Provincia Cardioprotexida, unha iniciativa a través da que a institución provincial dotará de Desfibriladores Semiautomáticos (DESA) aos 49 concellos que decidiron sumarse a este iniciativa, e que leva aparellada a formación necesaria a persoal municipal para o seu manexo.

Deste xeito, a Deputación contribuirá a mellorar a protección dos veciños e veciñas da provincia ante posibles fallos cardíacos cunha medida “que vai na liña do que recomendan as organizacións de profesionais sanitarios”, asegurou José Tomé, lembrando que esta mesma semana a Sociedade Española de Medicina de Emerxencias de Galicia abordou nun encontro a necesidade de promover a dotación de Desfibriladores Semiautomáticos nos concellos para crear municipios cardioprotexidos.

A Deputación investirá 60.000€ para a contratación conxunta do subministro de desfibriladores, un por cada concello que decidiu adherirse a este proxecto, así como da formación para o seu uso.

O Presidente asegurou que Lugo, Provincia Cardioprotexida “enmárcase dentro da aposta deste Goberno provincial polas políticas sociais, un eido ao que destinamos o 33% dos Orzamentos deste 2020 –máis de 30M€-, e tamén do noso compromiso firme coa que entendemos que é a principal función da Deputación: a cooperación cos concellos para que poidan prestar servizos públicos aos seus veciños e veciñas da mellor calidade e aforrando custes”.

Unha vez que o convenio marco foi aprobado hoxe pola Xunta de Goberno, a Deputación de Lugo firmará un acordo de colaboración con cada un dos concellos participantes. Será entón cando estes designarán ás persoas que deberán recibir a formación. Paralelamente iniciarase o procedemento para a contratación conxunta do subministro dos desfibriladores. A previsión é que este programa de protección da saúde pública estea en funcionamento antes de que remate o ano.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com