A Federación Veciñal pide que se estableza a gratuidade do aparcadoiro do HULA

A Comisión Executiva da Federación Provincial de Asociacións Veciñais ‘Lucus Augusti’ vén de facer un chamamento a todos os grupos políticos autonómicos para que “denuncien a finalización do contrato do Parking do HULA e que non se admita a única prórroga contemplada de dous anos a maiores”.

Dende a Federación lembran aos grupos políticos que o vindeiro mes de novembro finalizará o contrato de xestión deste servizo, polo que reclaman que non se prorrogue o contrato coa actual empresa dado que “pacientes e usuarios lugueses, pagan unha das tarifas máis caras das aplicadas na rede de Hospitais galegos”. Para exemplificar este feito, a federación compara os prezos do aparcadoiro do hospital lucense co vigués; así,  o da cidade olívica contempla a gratuidade da primeira media hora, e, as restantes teñen unha tarifa de 0,90 euros, mentres que en Lugo o prezo da primeira hora suma 1,632 euros. O mesmo ocorre coa tarifa mensual, que no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo costa 9 euros menos que no HULA.

Con esto, a federación recorda tamén que os terreos nos que está instalado o aparcadoiro do Álvaro Cunqueiro comprounos o Sergas, mentres que en Lugo, a institución médica autonómica recibiunos de forma gratuita, como unha cesión da cidade.

“Os pacientes e familiares do HULA, non poden continuar sendo saqueados nun aparcadoiro público que a cidade entregou ao Sergas para a construción do novo Hospital”, critica a Federación Lucus Augusti que pide que, a partir do mes de novembro, coa finalización do contrato, “o aparcadoiro revirta, como está contemplado, á Administración, e dende esa data o parking pase a ser de uso gratuito ao 100%”.

A sabendas do gasto que pode supoñer ter este aparcadoiro totalemente de balde, a federación propón distintas fórmulas que se poderían dar para adecuar os prezos: “se, por algunha razón de custes de xestión é imprescindible un mínimo cobro, o aparcadoiro debería de ser xestionado por un colectivo social que atenda a persoas en precariedade, que o Sergas non cobre ningún tipo de tarifa e que se utilice unha tarifa de 0,60 euros por hora ou a mínima contía para cubrir gastos de persoal e mantemento, quedando como gratuitos os fins de semana e festivos, igualmente un familiar por paciente ingresado debería ter unha praza gratuita de parking mentres dure o ingreso”.

Ante o adianto das eleccións autonómicas a Federación considera que “este é un bo momento para que todos os grupos políticos presenten os seus plantexamentos neste senso”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com