O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, recordou que “Feijóo leva gravado na fronte o PP aínda que agora queira agochar as siglas” porque “cada vez que o PP di algo, alí está Feijóo”. “Cando o PP tivo a condena pola Gürtel, Feijóo aplaudía a Rajoy; cando o PP pactou con Vox, Feijóo dixo que era o que había que facer; cando o PP votou no Congreso en contra dunha morte digna, Feijóo asumiuno e votou o mesmo no Parlamento”, recalcou.
Por tanto, sinalou Gonzalo Caballero, “o voto ao PP é o voto a Pablo Casado, a Cayetana Álvarez de Toledo, a Aznar, ao PP que dirixe unha estratexia de confrontación retrógrada e reaccionaria en alianza coa ultradereita de Vox…”. “E nós imos lembrar cada día que pase que Feijóo é o PP, e que o PP é un risco para as liberdades políticas, para os dereitos sociais, para a igualdade e para o estado do benestar”, remarcou.
“En política cada un está onde está. Eu estou no PSOE, e para min é un orgullo ser membro do PSOE porque os socialistas transformamos España para ben dende a Transición ata aquí”, destacou o candidato socialista, quen puxo en valor que o PSOE “loitou polas autonomías, pola sanidade e pola educación públicas, polos dereitos sociais, polas liberdades, polo dereito á interrupción do embarazo, ao divorcio e a unha morte digna, polo matrimonio entre persoas do mesmo sexo…”.
Neste contexto, Gonzalo Caballero advertiu de que “non se pode permitir aos políticos que agochen a súa ideoloxía” porque nas eleccións do vindeiro 5 de abril, afondou, os galegos e as galegas terán que decidir entre “dous modos de entender o país e a sociedade”. E, fronte ao proxecto do PP e os seus “socios” da dereita e a extrema dereita, de “esa España que non suma, senón que desune”, o secretario xeral incidiu en que “nós estamos coa maioría progresista”.
“Imos pedirlle aos galegos e ás galegas que nos acompañen para un cambio de ciclo en Galicia, para respaldar un goberno de coalición progresista en España e tamén para configurar un goberno progresista en Galicia que responda á maioría social de progreso que hai no país”, engadiu o máximo dirixente do PSdeG, consciente da importancia da mobilización de cara a acadar un cambio de ciclo político en Galicia despois de 11 anos do PP de Feijóo na Xunta.
Gonzalo Caballero fixo estas declaracións no marco dunha visita a Lugo para manter unha xuntanza coa alcaldesa, Lara Méndez, e amosar o seu compromiso cunha cidade na que, en palabras da rexedora, “Feijóo non inaugurou absolutamente nada en 11 anos de goberno”. “Non ten xestión que poñer en valor en Lugo”, remachou. “A cidadanía está farta e dicindo basta xa”, sinalou a alcaldesa, consciente de que a cidadanía “quere cambio” e ter un presidente da Xunta que “aposte polas cidades” e co cal “o rural deixe de estar esquecido”. “Necesitamos unha persoa comprometida, como Gonzalo Caballero”, reivindicou, e puxo en valor que xa ten avanzado o seu “compromiso con Lugo” en distintas visitas á cidade.