A plataforma cidadá Lugonovo vén de remitir un comunicado aos medios nos que avanzan que volverán formar parte de En Marea para concorrer ás vindeiras eleccións autonómicas do 5 de abril. Uns comicios que a propia plataforma tilda de “oportunidade” e “desafío” para actuar con “xenerosidade” e posibilitar maiorías de esqueda que garantan un “compromiso coa rexeneración democrática, a viraxe de rumbo social e o espallamento do estado de benestar”.
Tres valores fundamentais para a plataforma e que son “contrarios aos que representa a actual Xunta de Galicia”. As persoas que conforman Lugonovo viñeron participando “de forma construtiva e constante” no desenvolvemento de En Marea como suxeito político e electoral galego, polo que consideran este apoio, como unha aposta por materializar un espazo político “sen pechar portas nin acoutar marcos cando se trata de presentar unha alternativa ilusionante de progreso para as galegas e galegos”.
Segundo explican no comunicado, Lugonovo ve en En Marea un proxecto de defensa da democracia e o benestar, xa que “a realidade política do país cambiou pero as necesidades inmediatas da cidadanía continúan a ser as mesmas”. A plataforma confía en que as eleccións do 5 de abril “poñan fin á década ominosa do Partido Popular na Xunta de Galicia e sitúen unha alternativa de progreso, necesariamente plural e orientada á defensa dos intereses da maioría social, no Goberno galego”.