Xa están á venda as entradas para o concerto que Los Secretos ofrecerá en Burela o 25 de abril. As localidades podenadquirirse a través de ataquilla.com. O concelleiro de Cultura, José Díaz, agarda que o auditorio se encha para gozar deste acústico dun dos grupos máis destacados do panorama pop-rock español e que leva 40 anos enriba dos escenarios.
O edil contou que “o vindeiro 25 de abril a partir das 21.30 horas teremos no auditorio municipal a actuación de Los Secretos, un grupo conocido por todos, unha das formacións de pop-rock máis importantes da historia de España e que seguen tocando despois de corenta anos de traxectoria”
José Díaz cre que “para Burela é moi importante seguir tendo este nivel de actuacións que tentamos manter. Non é nada fácil porque só hai que buscar os concertos que teñen Los Secretos por España e podemos ver que case todos son en cidades grandes, non é fácil traelos a unha vila pequena. Eles xogan cuns prezos de entradas bastante altos e iso tampouco o queriamos aquí en Burela, entón houbo que pelexar un pouco para tentar que os prezos fosen o máis accesibles posibles. As entradas están á venda xa en ataquilla. com. Son entradas numeradas, hai tres zonas diferentes e os prezos oscilan entre os 16 e 22 euros”.
O concelleiro de Cultura lembra que a banda xa tocou na vila no ano 2016, en substitución do concerto previsto de Manolo Tena, que faleceu uns meses antes. “Foi unha actuación moi boa no auditorio, con cheo total, e interpretaron temas do propio Manolo Tena. Non deixan de ser parte da Movida Madrileña, foron os que comezaron a facer este pop-rock en España nos 80”.