ACE aposta pola inclusión da poboación xitana lucense para erradicar as infravivendas do Carqueixo

O candidato de Alternativa Cidadá de Esquerdas á alcaldía de Lugo, Carlos Portomeñe, vén de celebrar unha reunión de traballo coa delegación en Lugo da Fundación Secretariado Xitano, xa que a formación considera urxente a activación de políticas conducentes a mellorar a situación da comunidade xitana no concello de Lugo, “un colectivo co que se está a cebar a crise económica de xeito especial, debido ao hándicap de estigmatización co que teñen que lidiar a diario”.

“Un indicador inequívoco é a súa taxa de desemprego, que supera con moito á da poboación xeral, alcanzando xa o 42% dos xitanos. É tamén no ámbito da vivenda onde máis se aprecia a precariedade de gran parte da comunidade xitana, pois unha destacable parte das execucións de desafuizamentos na cidade de Lugo afectaron a moitas familias xitanas, abundando de novo nos problemas de amoreamento en infravivendas na zona de O Carqueixo”.

Carlos Portomeñe afirmou que “eliminar o chabolismo e os barrios segregados é una prioridade de ACE, pois os guetos resultan incompatibles con calquera democracia e para nós trátase dunha cuestión de pura e simple humanidade. Non podemos abocar a unha parte importante da cidadanía lucense a vivir por debaixo das condicións humanas mínimas sen tomar cartas no asunto”.

Para Alternativa Cidadá de Esquerdas, “a solución da problemática xitana non se limita a derrubar chabolas e reagrupar ás familias en novas vivendas de aluguer social de xeito puntual. A asignatura pendente do Concello de Lugo con respecto aos xitanos é perseguir a súa inclusión efectiva en todos os niveis da sociedade, empezando pola educación ata o mundo laboral. Non en vano, a taxa de fracaso escolar e abandono prematuro dos estudios na poboación xitana segue a ser case 5 veces superior que  no resto da poboación, o 64,4% fronte ao 13,3%”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com