Os deputados populares abandonan o pleno provincial pola proposta de modificación da RPT

O Pleno provincial celebrado hoxe, o derradeiro ordinario antes das eleccións municipais do 24 de maio, ratificaba un acordo en materia de persoal aprobado polo 70% dos representantes sindicais da Deputación, consistente nunha modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) para incluír melloras salariais para os traballadores dos grupos inferiores, e dar a oportunidade de optar a Experto a todas as categorías laborais, pois ata o de agora está limitado para auxiliares e administrativos.

Pola súa banda, o Grupo Provincial do Partido Popular non apoiou a proposta de urxencia de José Ramón Gómez Besteiro “xa que propón unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), detrás da que se esconde o pago de favores políticos a axentes electorais”.

A voceira dos populares, Elena Candia, explicou que se propuxo un incremento salarial por un total de 307.000 euros ” que afecta a un grupo moi reducido de traballadores, cuxa proposta a que tamén votaron en contra dous sindicatos. Dende o GPP non seremos cómplice deste pago de favores políticos só a uns poucos traballadores de confianza. Sempre lle pedimos que deixara de utilizar esta casa como unha axencia de colocación e como unha forma de financiar ascensos políticos”. De feito, os deputados provinciais populares abandonaron os seus postos no momento en que o PSOE facía a proposta.

Candia asegurou que “este é o socialismo que practica Besteiro que, temendo perder o control desta casa, quere deixar blindados economicamente a axentes electorais”. Segundo precisa a popular “estase incrementando o salario ao mes a algún traballador desta institución, mais que recibe ao mes un español que cobra o salario mínimo interprofesional”.

A voceira popular cualificou a proposta de “indignante e vergoñenta”, e convidou a todos os traballadores a que “confíen no partido que represento que, sen dúbida, se chegamos ao goberno nesta casa, recibirán máis os que menos están cobrando e non ao revés. Todos os incrementos de Besteiro son de apoio aos que máis cobran e non ao revés. Estes non son os principios do socialismo. É unha utilización moi incorrecta desta institución”

Produtores de leite.

Tamén se aprobou, neste caso por unanimidade, unha moción para esixir ao Goberno de Rajoy a protección dos produtores de leite fronte aos posibles abusos da industria, e instar á Xunta a convocar coa máxima urxencia unha mesa encargada de elaborar un contrato homologado para todos os gandeiros galegos.

Entre as medidas propostas figuran a introdución da figura do mediador; o control da rebaixa do leite como reclamo nas grandes superficies; a mellora da etiquetaxe para coñecer a orixe do leite ou o establecemento de fortes sancións para as industrias que continúen con prácticas abusivas, como fixar dobre prezo ou impoñer contratos de menos dun ano.

Centro de recría.

Doutra banda, o Pleno acordou cos votos en contra dos populares, esixir ao Concello de Castro de Rei que desbloquee a posta en marcha do Centro de Recría realizando a acta de comprobación das obras, trámite municipal imprescindible para o comezo da actividade no Centro.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, instaba ao rexedor de Castro de Rei, o Deputado provincial Francisco Balado, a que o Concello comprobe que as obras se axustan ao proxecto. “A Deputación xa remitiu hai meses toda a documentación necesaria”, tal e como afirmou Méndez. ” O 28 de xaneiro presentaba o preceptivo informe favorable da Consellería de Medio Ambiente, que determinaba que a planta de biogás, non só respectaba, senón que melloraba os aspectos relativos ao cumprimento da lexislación en materia ambiental”. O 9 de febreiro achegaba un novo escrito co que solicitaba de xeito expreso a expedición da acta de comprobación de obras.

Lara Méndez lamentaba este novo retraso, “logo de que o organismo provincial tivera que agardar máis dun ano polo informe ambiental deste Centro”. A Vicepresidenta lembraba que o Goberno provincial afrontou a inversión en solitario con 12 millóns de euros, xa que a Xunta non apoiou este proxecto, puidendo investir 141 millóns de euros de fondos europeos que finalmente perdeu.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com