A plataforma contra as listas de espera do SERGAS volveuse colocar durante esta mañá na entrada do HULA co posto de reclamacións. Dende a plataforma destacan a gran aceptación que está a ter a iniciativa, á que se achegaron xa, nestas tres semanas, medio cento de persoas para pedir información e asesoramento.
As integrantes da plataforma traballan para combater a falta de información que ofrece o SERGAS, axudando ás usuarias e usuarios da sanidade pública a reclamar e realizar suxestións. Integrantes da plataforma indican que unha das maiores preocupacións é a espera á hora de conseguir cita para as consultas externas e probas.
A plataforma está formada por integrantes da CIG Saúde e da asociación cidadá contra a letra pequena “Con Lupa” xunto con outros colectivos e persoas a título individual. Dende a plataforma púxose á disposición das persoas interesadas en obter máis información o enderezo electrónico plataformalistaslugo@gmail.com.