O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo esta mañá unha reunión con representantes da Federación Galega de Comercio en Lugo para presentarlles o proxecto integral para o impulso do turismo cultural na cidade elaborado pola Consellería de Cultura e Turismo.
Balseiro defende o dereito da administración autonómica a formular unha proposta alternativa á que propón en exclusiva a creación do museo da romanización no cuartel de San Fernando. Di que si o Concello de Lugo quere contar co apoio da Xunta o lóxico é que “respecte, estude e acepte o dereito da Consellería de Cultura a propoñer un plan alternativo” e, ademais, “moito máis completo” do defendido pola administración local.
Balseiro recorda que o cuartel de San Fernando é un edificio de propiedade cen por cen municipal e o Concello pode facer o que estime oportuno nel, sen necesidade do permiso ou do apoio da Xunta. “Todo menos mantelo na situación de abandono na que se atopa na actualidade”.
Cómpre lembrar que, entre outras iniciativas, o Goberno galego defende a creación dun parador-museo no cuartel de San Fernando tras rehabilitalo, emprazar no actual Mihl a sede principal do museo da Romanidade con funcionamento en rede con outros puntos de interese da romanización na cidade, e a rehabilitación da Casa Torre e do Pazo de Dona Urraca, na Tinería, para destinalos a novos usos turísticos e culturais.