O BNG apoia a manifestación convocada polo movemento feminista o vindeiro 1 de marzo en Verín. En Lugo, a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil anunciou o apoio a esta mobilización organizada pola plataforma Galegas 8M, ademais do resto de mobilizacións que o movemento feminista organiza de cara ao 8 de marzo. “Temos unha mensaxe clara e provocadora, capaz de xerar debate e remover a conciencia, porque ante a desigualdade e a violencia contra as mulleres non caben medias tintas”, declarou Olalla Rodil.
Rodil aproveitou para facer un chamamento á participación nas mobilizacións previstas de cara ao Día internacional da Muller “porque o mundo non pode funcionar sen as mulleres, pero as mulleres non queremos seguir funcionando con desigualdade”, declarou Olalla Rodil.
Rodil salientou que a crise agudizou a discriminación e a desigualdade laboral das mulleres. “Coa crise medrou a desprotección das mulleres no ámbito laboral, agora máis vulnerables, e o Estado en vez de amparalas o que fixo foi aprobar normas que nos restan mecanismos para defender os nosos dereitos”, indicou.