O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o xerente de Torre de Núñez, José Manuel Núñez, asinaron hoxe un acordo de patrocinio polo que a empresa lucense apoia a celebración do Xacobeo 2021 a través dunha colaboración de 200.000 euros que contribuirá a súa promoción e divulgación.
O representante da Xunta agradeceu á compañía cárnica o seu compromiso con Galicia e coa celebración do Xacobeo 2021, que será unha oportunidade incomparable para amosar “a gastronomía excepcional da nosa terra e o noso patrimonio cultural e natural”. Román Rodríguez tamén remarcou que “asumir un reto coma este só é posible cando se conta coa implicación doutras administracións, asociacións e empresas como Torre de Núñez que hoxe se une ao noso equipo de patrocinadores”.
Pola súa banda, o xerente de Torre de Núñez, José Manuel Torre, amosou a súa satisfacción por que “esta empresa familiar colabore co Xacobeo 2021”. “Nestes 50 anos de vida, Torre de Núñez sempre tivo un carácter colaborativo con este tipo de eventos, xa que temos claro que temos que devolver dalgún xeito todo o que o entorno no que nos atopamos nos dá”, engadiu Torre.
O acto de sinatura tivo lugar en Lugo, tanto por ser a sede de Torre de Núñez como por ter estreita relación coa peregrinaxe, xa que pola cidade da Muralla pasa o Camiño Primitivo que desde 2015 está declarado Patrimonio da Humanidade da Unesco.
Coa incorporación desta firma ao Xacobeo 2021 xa son 11 as compañías que patrocinan este acontecemento, declarado de excepcional interese público e sometido, polo tanto, ao programa de beneficios fiscais aprobado polo Goberno central na lexislatura de 2018. Entre todas as achegas, os acordos para o Ano Santo superan xa os 14 millóns de euros.
Avánzase así no obxectivo de implicar á sociedade civil e ao sector empresarial, tanto de Galicia como do conxunto de España, na potenciación da celebración máis relevante desde o punto de vista cultural que se celebrará en Europa o próximo ano, e un dos eventos que desde a perspectiva turística mellor proxectará a nosa imaxe no mundo, pois cómpre lembrar que o Camiño de Santiago é percorrido por persoas de máis de 180 nacionalidades.