A Plataforma Galicia Baleira quere propoñer ás distintas Administracións, un Plan de Descentralización dos órganos da Administración e Empresas Públicas, que leve a Galicia a distribuir a administración, os poderes políticos e o funcionariado como base para frear a despoboación rural e a súa integración nunha sociedade avanzada con calidade de servizos e prestacións que favorezan e fixen poboación.
Segundo lembra a plataforma, antes todo estaba centralizado en Madrid, agora ocorre en Santiago. “Como autonomía coñecemos xa casos de descentralización Administrativa e de servizos; ata agora quizás con base solo no interese político como son os casos da Academia Galega de Seguridade ubicada agora na Estrada, as bases de Axega cos servizos do 112 e 061 tamén na Estrada, as delegacións de Pesca en Vigo e A Mariña…”, exemplifica a plataforma que considera que “Ourense debería ser referencia de toda a xestión termal de Galicia creando o Instituto de Termalismo de Galicia ao tempo de ser a sede da Consellería de Medio Ambiente, Vivenda e Ordenación do Territorio”.
Para a provincia de Lugo, a plataforma propón que “con todo dereito” sexa a sede autonómica da Consellería de Medio Rural e “instamos a todos os partidos políticos a posicionarse sobre a descentralización de organismos e servizos”.
“Hai que avanzar con largo ritmo e descentralizar servizos do Medio Rural, pasando a recuperar algo así como as oficinas de Extención Agraria reconvertidas nun ente xestor global e descentralizado concello a concello, con servizos de rexistro e xestión documentaria en todo o relacionado co campo e cun equipo de asesores en xestión, produción e comercialización dos recursos producidos ou xerados”, explica a plataforma.
Galicia Baleira tamén reclama cambios lexislativos en Urbanismo Rural, para evitar o bloqueo e o desenrolo, permitindo a construción de novas vivendas a nivel de servizos requeribles, “creando igualmente un parque de vivenda de alquiler a precio taxado, ampliación ou construción de novas obras de tipo industrial”. A plataforma pide, neste eido, a axilización e simplicidade nos trámites administrativos.
Outro cambio que reclaman é o relativo á accesibilidade aos servizos básicos como “Sanidade, con habilitación adecuada de centros de saúde en todos os concellos, médicos, pediatras, enfermeiros, un PAC a menos de 30 minutos de calquera puntos, disposición de número de ambulancias para prestar servizos en menos de 15 minutos…”
Tamén fan referencia dende o colectivo á Educación, solicitando un colexio e escola infantil, a lo menos, unha unidade por municipio e “para todas as idades sen mínimos de alumnos e con comedor escola”.
“Precisamos un cambio claro na fiscalidade, para fomentar o emprego nas zonas rurais, con deduccións fiscais na adquisición de bens, ventas, compras e melloras de inmobles”, resaltan; para iso, consideran necesaria a existencia en cada concello dunha oficina bancaria con apertura de luns a venres en xornada completa así como cambios na tributación dos autónomos, establecendo cotas en función dos ingresos.
Entre outros puntos, Galicia Baleira reclama planes para o sector pesqueiro, descentralizando as Xefaturas Marítimas por provincias, o incremento da Seguridade, con incremento do número de Gardas Civiles e cuarteis. Implantar servizos de comunicación de alta tecnoloxía en todo o medio rural, tanto en telefonía como en comunicacións a través da Internet con redes de Alta velocidade
Por último, a plataforma considera necesario plantexar un servizo de correos e redes de mensaxería e transporte “diario e adecuado”; así como a promoción do Patrimonio natural, cultural e turístico: “Neste capítulo é de ter en conta un verdadeiro plan para lugares de interese etnográfico totalmente abandonados a día de hoxe como O Caurel, O Piornedo e o conxunto dos Ancares”.
Segundo conclúe a plataforma, os habitantes do rural “deberían contar cun sistema que lles permita aportar para incluír nos plans de xestión territorial as súas necesidades, as súas ideas e as súas aportacións, cun claro compromiso pola Administración da súa xestión e a súa resposta puntualizada e adecuada ao conxunto do medio rural”. Neste senso, “é demandable” segundo o colectivo considerar todos os servizos públicos como abertos a través dos sitemas de comunicación integral.