A Deputación de Lugo traballa estes días sen Monforte de Lemos na rehabilitación das estradas que conectan o núcleo da vila con Rozabales e coa Pobra do Brollón. Unhas actuacións nas que se invisten 264.000€.
Os traballos desenvólvense en preto de 7,5 quilómetros no treito que une Monforte con Vilachá-Rozabales, seguindo un itinerario en forma de T. En concreto, na LU-P-3203, melloraranse 6 quilómetros, entre os puntos 6,030 e 11,997. Ademais, farase outra intervención na LU-P-4702, entre Vilachá e a Estación da Pobra do Brollón. Neste caso, é un quilómetro e medio, entre os puntos 1 e 2,4.
“Son unhas obras que suporán unha mellora importante na seguridade viaria e na comodidade dos condutores nunha estrada de moita importancia social, pois conecta o núcleo de Rozabales coa cidade de Monforte, polo que é a vía de acceso para toda a veciñanza desa zona para ir a Monforte a diario para o seu traballo, compras ou xestións”, explica o Presidente da Deputación.
As obras quedarán rematadas nunha semana e consisten na reapertura e limpeza de cunetas, a mellora da drenaxe da vía para garantir a súa maior durabilidade, a pavimentación e a sinalización horizontal.