O presidente da Asociación de Hostaleiros de Lugo, Cheché Real, vén de recomendar o peche de todos os establecementos hostaleiros. “Ante a situación que estamos a vivir provocada pola pandemia do coronavirus e que afecta de maneira especial ao sector da hostalería”, explica o presidente do colectivo nun comunicado.
“En colaboración coas patronais nacionais de restauración e aloxamento como son CEHE e CEHAT, entidades das que formamos parte, remitimos aos nosos asociados diferentes recomendacións para evitar o contaxio, tanto a nivel persoal como no establecemento, así como pautas de actuación ante os distintos supostos que, no nosos día a día, está a provocar esta epidemia”.
Real considera que “a decisión máis acertada” a tomar nestes momentos é o recomendar “o peche temporal dos establecementos de hostalería e turismo da provincia”, como medida preventiva para frear e conter a expansión do coronavirus e as súas graves consecuencias tanto a nivel de saúde como económicas, apelando á responsabilidade social. “A non transmisión deste virus está, única e exclusivamente, na aptitude que teñamos os cidadáns.
Apehl considera que é mellor “frear de golpe” esta situación que seguir coa adopción de medidas de forma gradual que poden levar á “ruína do sector”. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo fai un chamamento á tranquilidade, pero “debemos estar totalmente alerta”. A solución a este problema está nas nosas mans e debemos facer un exercicio de civismo para protexer tanto aos clientes como aos empregados do sector da hostalería.