O Goberno de Lara Méndez adoptou hoxe novas medidas preventivas para intentar frear o contaxio do coronavirus, que se suman ás xa decretadas e que inclúen unha limpeza profunda e especial da cidade así como o peche, esta mesma tarde, dos parques infantís e dos biosaudables.
A alcaldesa pide á cidadanía que manteña a calma ante a situación e pide que se actúe con responsabilidade. “Todos e todas o temos que facer, administracións e veciñanza, porque frear esta situación debe ser un traballo en equipo. Debemos adoptar as medidas de hixiene e atender ás indicacións das autoridades sanitarias”, sostivo.
O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, mantivo unha reunión esta mañá cos representantes das empresas de servizos de limpeza municipais para organizar esta medida preventiva, “que non é obrigada – non queremos que a cidadanía se alarme – pero cremos que si necesaria para poder garantir a saúde e a seguridade das veciñas e veciños de Lugo”. A mesma esixe unha reorganización do servizo e do persoal, xa que se reforzará o número de traballadores e a frecuencia de desinfección e o lavado será con produtos especiais, “que non son nocivos para a cidadanía, pero si máis efectivos contra o virus”.
Esta limpeza profunda será en todas as rúas, comezando polas máis transitadas, e incluirá o mobiliario urbano, as paradas de transporte público, os baños públicos, colectores, varandas e ascensores, etc.
A limpeza especial levarase a cabo diariamente a partires desta fin de semana e realizarase mediante labores moi intensos, con equipos e maquinaria especiais. A totalidade do persoal de limpeza recibirá formación e información adecuada.
A limpeza será tamén en profundidade nas dependencias municipais abertas ao público, onde se incidirá nos espazos e ferramentas en maior contacto coas mans, tanto dos traballadores como dos usuarios, como poden ser ascensores, baños, pomos ou varandas. O persoal de limpeza de interiores recibirá formación e información e utilizará o equipo de protección individual adecuado.
Tamén se actuará nos vehículos de uso municipal ou da Policía local e Protección Civil, nos que se efectuará unha hixienización completa do habitáculo nos cambios de quenda, especialmente en aqueles elementos cos que se mantén maior contacto, como son o volante, o pomo da panca de cambios ou os tiradores.
“Estamos a traballar con seriedade e rigorosidade”, apuntou o edil, que fixo entrega ás empresas de servizos de limpeza municipais, tanto de exteriores coma de interiores, da acta de coordinación para facer fronte á situación de emerxencia ante o Covid19, na que se recolle o protocolo de actuación interno que ten carácter temporal.
Ademais, as distintas concellerías traballaron hoxe na coordinación dos seus servizos e estiveron informando aos usuarios das medidas preventivas adoptadas. Igualmente, o Goberno local convocou para este luns ao Comité se Seguridade e Saúde co obxecto de abordar as diferentes pautas acordadas ao respecto.
O Concello non descarta tomar novas medidas e mantense á espera das indicacións que se trasladen tanto do Goberno central como da Xunta de Galicia.