O TSXG acorda a suspensión dos xuízos e dilixencias non urxentes

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, acordou, con carácter provisional e á vista do decreto que declarou o estado de alarma en todo o Estado, a suspensión para partir do próximo luns, día 16 de marzo, das actuacións xudiciais non urxentes nos órganos da comunidade, así como dos prazos procesuais.

Segundo se recolle no acordo gubernativo da Presidencia do TSXG, o recente anuncio por parte do presidente do Goberno en canto á próxima declaración do estado de alarma no día de mañá, “así como as numerosas consultas, acordos e declaracións que se están recibindo sobre o modo de proceder xurisdicional no ámbito territorial da comunidade autónoma galega con motivo da crise sanitaria do Covid-19”, obrigan a regular de forma provisional certos aspectos.

Neste sentido, asúmense, seguindo o acordado polo Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio de Xustiza e a Fiscalía, como servizos esenciais as seguintes actuacións:

1. Calquera actuación xudicial que, de non practicarse, puidese causar prexuízo irreparable.
2. Internamentos urxentes do artigo 763 da LAC.
3. A adopción de medidas cautelares ou outras actuacións inaprazables, como as medidas de protección de menores do artigo 158 CC.
4. Os xulgados de violencia sobre a muller realizarán os servizos de garda que lles correspondan. En particular deberán asegurar o ditado das ordes de protección e calquera medida cautelar en materia de violencia sobre a muller e menores.
5. O Rexistro Civil prestará atención permanente durante as horas de audiencia. En particular, deberán asegurar a expedición de licenzas de enterramento, as inscricións de nacemento en prazo perentorio e a celebración de matrimonios do artigo 52 CC.
6. As actuacións con detido e outras que resulten inaprazables, como adopción de medidas cautelares urxentes, levantamentos de cadáver, entradas e rexistros, etc.
7. Calquera actuación en causa con presos ou detidos.
8. Actuacións urxentes en materia de vixilancia penitenciaria.
9. Na orde xurisdicional contenciosa-administrativa, as autorizacións de entrada sanitarias, urxentes e inaprazables, dereitos fundamentais cuxa resolución teña carácter urxente, medidas cautelarísimas e cautelares que sexan urxentes, e recursos contencioso-electoral.
10. Na orde xurisdicional social, a celebración de xuízos declarados urxentes pola lei e as medidas cautelares urxentes e preferentes, así como os procesos de EREs e ERTEs.
11. En xeral, os procesos nos que se alegue vulneración de dereitos fundamentais e que sexan urxentes e preferentes (é dicir, aqueles cuxo aprazamento impediría ou faría moi gravosa a tutela xudicial reclamada).
12. O/A presidente/a do Tribunal Superior de Xustiza, o/a presidente/a da Audiencia Provincial e o/a xuíz/a decano/a adoptarán as medidas que procedan relativas ao cesamento de actividade nas dependencias xudiciais en que se atopen as súas respectivas sedes, e peche e/ou desaloxo das mesmas no caso de que procedese, poñéndoo en coñecemento das autoridades competentes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com