Encontro da Xunta e o sector financeiro para apoiar a empresas e autónomos polo coronavirus

No encontro, por videoconferencia, púxose sobre a táboa a posta en marcha das medidas de apoio a empresas e autónomos aprobadas pola Xunta. Na xuntanza participaron o conselleiro de Economía, Emprego e Industria e representantes de varias entidades bancarias e das sociedades de garantía recíproca Afigal e Sogarpo.

Con eles, Conde abordou polo miúdo as medidas de financiamento que o Goberno galego vai activar para inxectar de inmediato liquidez a empresas e autónomos que se están vendo afectados polo impacto do coronavirus no sector económico. Estas medidas foron aprobadas no último Consello da Xunta celebrado o pasado venres.

En concreto, centráronse na liña de financiamento a través de préstamos que permitirá mobilizar no tecido empresarial galego 250 millóns de euros. As contías destes préstamos irán destinadas a cubrir os gastos do primeiro trimestre de pemes e autónomos. Esta iniciativa sempre quedará condicionada ao que finalmente aprobe o Estado; é dicir, a Xunta activa agora este mecanismo de liquidez, ata que o Goberno poña en marcha as súas liñas de financiamento. O obxectivo é dar unha solución inmediata mentres non se aproban as liñas de financiamento estatais.

Outra das iniciativas de apoio que activa a Consellería de Economía, Emprego e Industria é o aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Xunta de Galicia  –a través do Igape e XesGalicia–, de forma que estas cantidades se poidan devolver ao vencemento final actual dos préstamos. Uns préstamos que, no seu conxunto, suman 265 millóns de euros.

Ademais, a través do Igape, a Xunta tamén engade unha terceira liña de financiamento de 10 millóns de euros para cubrir as necesidades de reestruturación produtiva das empresas galegas que decidan acometer a fabricación de material sanitario necesario para facer fronte ao coronavirus. En concreto, esta liña financiará tanto investimentos como circulante, e as empresas deberán dar resposta coa produción de equipos como, por exemplo, téxtiles sanitarios, equipos de protección individual (EPIs) e materiais para respiradores.

A estas tres liñas, hai que engadir a que a Xunta xa ten activada desde a Axencia Galega de Innovación (Gain). Trátase dunha chamada a todos os axentes do ecosistema galego de innovación que teñan algunha proposta ou proxecto que poida contribuír á loita contra o coronavirus. Búscanse solucións innovadoras que se poida desenvolver de xeito inmediato; por iso, a chamada estará aberta ata o 27 de marzo.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com