A Xunta de Galicia, a través dos profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF), desinfectou un total de 63 centros de saúde e residencias en 45 concellos da provincia de Lugo na súa primeira semana de colaboración no marco da situación de emerxencia declarada por mor do coronavirus.
Durante a xornada de hoxe, traballarán na contorna dos centros de saúde e de maiores de dez concellos lucenses: Muras, A Pastoriza, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Baralla, Baleira, Rábade, Castroverde, O Corgo e Friol, desinfectando unha quincena de espazos públicos.
O persoal do SPDCIF ten previsto percorrer a práctica totalidade dos municipios lucenses durante esta situación de emerxencia sanitaria. Ademais dos centros asistenciais están a desinfectar outras áreas do rural especialmente concorridas, como beirarrúas ou zonas establecidas para a recollida do lixo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que estes profesionais tamén se están a encargar de vixiar as zonas de esparexemento no rural para garantir o confinamento e colaborar nas comunicacións de posibles condutas irregulares a través da rede de emisoristas do propio Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF) de Galicia.