Dúas persoas, nai e filla, sufriron unha intoxicación polo mal funcionamento dun quentador en Chantada.
A rápida reacción dunhas veciñas de Chantada permitiu que abandonaran e ventilaran a súa vivenda en canto sentiron os primeiros síntomas dunha posible intoxicación por gas.
Con todo, ambas as dúas, nai e filla, foron trasladadas ao centro hospitalario de referencia para someterse a un recoñecemento médico debido ás dores de cabeza que lle provocaron a fuga polo mal funcionamento dun quentador de auga.
De feito, segundo relataron, o malestar apareceu xusto despois de ducharse, polo que rapidamente sospeitaron que se estaba a producir un escape do que debían protexerse. Así, cortaron o subministro do gas, abriron as fiestras e saíron a unha terraza exterior da vivenda ata que recibiron a atención dos servizos sanitarios de urxencia.
Pasaban apenas un par de minutos da medianoite cando o 112 Galicia recibiu a chamada dunha das afectadas, que explicou que, ademais dos síntomas que experimentaban, dous paxaros que tiñan na cociña morreran de forma repentina, polo que todo apuntaba a que un mal funcionamento do quentador estaba a provocar unha fuga.
Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Chantada co fin de restablecer as condicións de habitabilidade na vivenda. Tamén, foron informados os técnicos da empresa subministradora do gas e os axentes da Policía Local.
Cómpre sinalar que había máis persoas no interior do domicilio, situado na Avenida de Monforte, pero só dúas, a nai e a filla, necesitaron ser trasladadas a un centro hospitalario.