O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, anuncia que a institución provincial pon a
disposición da Xunta de Galicia os cinco centros residenciais que construíu e que ten en
proceso de apertura para a súa utilización se é necesario para afrontar a crise do coronavirus
Covid-19, co destino que a Administración Galega considere, ben de asistencia sanitaria,
aloxamento ou calquera outro que sexa preciso.
Estas infraestruturas atópanse nos concellos de Castroverde, Pedrafita do Cebreiro,
Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil. José Tomé explicou que tomou esta decisión “en
consenso cos alcaldes destes municipios, cos que mantivo unha conversa para abordar e
acordar esta medida de forma conxunta. Ademais, engade que poñemos a disposición as
infraestruturas e os servizos e equipos que teñen dispoñibles no interior estas residencias.
Algunha delas está máis avanzada que outras en canto a dotación de equipamento, pero t
odas poden ser útiles para facer fronte a esta situación de emerxencia, e máis cando,
segundo o propio Presidente da Xunta, se achega o peor da crise sanitaria en Galicia”.
Nestas cinco residencias da Deputación poderíanse habilitar máis de 100 camas de
xeito directo, ao que habería que sumar a posibilidade de acondicionar espazos comúns
que terían capacidade para máis de 100 camas máis, polo que se porían a disposición
máis de 200 camas individuais.
Para explicitar esta oferta, este luns o Presidente da Deputación “enviaralle unha carta ao
Presidente da Xunta formalizando a vontade de colaboración da institución provincial
lucense en todo aquilo que sexa preciso co Goberno Galego”.
De feito, como lembrou José Tomé, “a Deputación púxose xa noutras dúas ocasións a
disposición da Xunta para colaborar na loita contra esta crise sanitaria”.