A Xunta de Galicia, a través dunha acción coordinada entre as consellerías de Política Social e Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, está a distribuír material de protección e desinfección entre 115 residencias e centros asistenciais da provincia de Lugo, para reforzar os medios dispoñibles dirixidos á prevención de contaxios e loita contra o coronavirus.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Goberno galego tomou esta iniciativa tras constatar que moitas entidades tiñan problemas de subministro e para garantir a mellor protección dun persoal que presta un servizo esencial de atención e coidado a colectivos especialmente vulnerables ante posibles contaxios, en particular, persoas maiores ou con capacidades especiais.
Material que reciben directamente nos centros
Para o reparto a Xunta de Galicia emprega a nova plataforma loxística posta en marcha pola Xunta e, polo tanto, permite que as achegas se reciban directamente nos centros e residencias, sen necesidade de desprazamento.
Balseiro explica que a distribución iniciouse o pasado venres e está previsto que se complete entre o día de hoxe e mañá. “Estamos a falar de máis de 123.000 unidades de protección”.
Todas as residencias públicas e privada da provincia
Neste reparto, están incluídas todas as residencias de titularidade pública e privada da provincia de Lugo, que constan no rexistro autonómico, incluídas as de propiedade municipal ou da Deputación e tamén as dependentes da Consellería de Política Social. Asemade, está previsto incluír en futuros repartos, a residencia asilo de Ribadeo, que está formalizando o seu rexistro.
Balseiro avanza que a distribución deste material servirá para cubrir as necesidades previstas para os vindeiros días e a intención do Goberno Galego é efectuar novos repartos de material de protección, de xeito periódico, no futuro.