O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar hoxe, 24 de abril, un escrito diante da Delegación do Goberno en Galicia para solicitar a derrogación da modificación permanente dos novos criterios de inclusión no Sistema Especial de Traballadoras/es Agrarias/os (SETA). Estas modificacións están vixentes dende onte, día 23 de abril.
O SLG denuncia que “as modificacións decretáronse sen que houbese un diálogo previo coas organizacións agrarias. Nelas, o Goberno do Estado introduce con carácter permanente unha modificación dos requisitos de inclusión no SETA que implica que moitas destas persoas traballadoras se verán obrigadas a pasar ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA)”. Isto para o sindicato nacionalista é así “porque non se ten en conta a posibilidade de que poida haber varias persoas compartindo a titularidade dunha explotación agraria aos efectos de computar o número máximo de traballadores por conta allea que poderían ter para seguir encadrados dentro do SETA”. A medida “aféctalle, sobre todo, ás explotacións que se fusionaron nos últimos anos, pois até agora permitíanlles ter máis de dous traballadores contratados por conta allea por cada unha das persoas titulares das explotacións fusionadas; con esta modificación, impónselles a estas granxas un tope máximo de dous”.
A modificación que denuncia o SLG “introdúcese na disposición final sexta do decreto-lei. A explicación que figura na exposición de motivos do texto legal é que se pretende “prescindir dos requisitos vinculados a rendas do traballo” para “facilitar o acceso ás garantías sociais dos pequenos agricultores”.
Por outra banda, “tamén pretendería mitigar o efecto da pandemia polo COVID-19 que, ante a posibilidade de reducir drasticamente a súa produción e, polo tanto, as súas rendas agrarias farían inviable a súa permanencia no sistema especial tal e como está actualmente configurado, xa que non cumpriría con ditos requisitos”. Esta explicación, para os representantes dos labregos “contrasta co feito de excluír as actividades mencionadas nos parágrafos anteriores, que viñan sendo recoñecidas pola lexislación vixente dende os anos 70 nesta materia, e que apenas foi modificada dende entón, máis que para ser adaptada ás circunstancias que foron mudando. eliminación de criterios esenciais para seguir no seta como o límite máximo de beneficios ou a porcentaxe de rendas derivadas da actividade agraria”
Mais, a partir do decreto-lei, “suprímese ese límite, de maneira que se permite que unha persoa titular dunha explotación que supere eses beneficios siga encadrado no SETA, mentres que se contrata a máis de dúas persoas traballadoras pasa a cotizar no RETA aínda que teña menos beneficios”.
O SLG tampouco entende “que se utilice para estas modificacións un real decreto-lei, pois para afrontar as modificacións necesarias durante unha situación temporal como a que vivimos, a fórmula lexislativa que se adoita empregar é a da “disposición transitoria”, que permite establecer requisitos diferentes aos habituais para unha situación excepcional que dura un tempo determinado.