José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía de Lugo, acompañado dos responsables da campaña electoral municipal do PSdeG-PSOE de Lugo, José Manuel Díaz Grandío e Adrián Vázquez Fernández deron a coñecer hoxe a imaxe e desenvolvemento da campaña que comeza este venres día 8 de maio.
“Paixón por Lugo” é o lema co que os socialistas lucenses expresan a súa ilusión por traballar polo Lugo do presente e do futuro. Sobre a orixe do slogan da campaña socialista, López Orozco explicou que nace da cidadanía; “recibímolo deles, da veciñanza que non se arreda ante as dificultades e que pide de nós que botemos o resto para que Lugo goce dun novo momento político, social e económico”. O candidato do PSdeG-PSOE explicou que gobernar non é doado, nin en tempos de vacas fracas nin en tempos de vacas gordas, polo que ese labor precisa de paixón e ilusión.
Adrián Vázquez apuntou que a campaña electoral dos socialistas lucenses estará marcada pola austeridade, que é o que esixe este momento, e se o lema procede da cidadanía, a campaña tamén se baseará en estar preto dela. “Estaremos coa xente nas rúas da cidade e no rural lucense, porque nós somos cidadáns e temos que traballar todos xuntos polo futuro do Concello”. En definitiva, apuntou, “botarémonos á rúa, como sempre fixemos neste partido”.
Con todo, López Orozco mencionou as dificultades dos gobernos locais para traballar todo o quixeran “o Concello non o pode todo pero ten que liderar esas ganas da cidadanía de darlle solución ao momento que estamos vivindo. Non é momento de agacharse porque así non se soluciona; non é momento de ter medo porque ninguén que ten medo soluciona problemas. É o momento de sumar experiencia máis entusiasmo mais ilusión e paixón, así é como entre todas e todos daremos solución ós problemas”.
Os socialistas lucenses anunciaron ademais que mañá martes presentan as liñas principais do seu programa electoral nun acto que comeza ás 11:15 no Salón de Actos da Casa do Saber, no Vicerreitorado da Universidade de Santiago.