O pasado 13/04/2020 dende Esquerda Unida (EU) Lugo publicamos un comunicado no que
ofreciamos “o noso apoio ao Concello de Lugo coa posta en marcha dunha serie de medidas de
emerxencia para paliar, na medida do posible, a situación de crise á que se ve abocada grande parte
da nosa cidadanía”, debido a emerxencia sanitaria polo COVID-19, pero tamén entendiamos que era
necesario priorizar determinadas medidas que se recollían no dito documento.
Agora, dúas semanas despois, seguimos ofrecendo o noso apoio ao Concello, pero acompañado
dunha fonda crítica, pois non se están a considerar as nosas nin outras propostas que entendemos
urxentes para paliar a situación de extrema necesidade na que se atopan moitas veciñas da nosa
cidade.
Dende EU Lugo reclamamos unha vez máis a este goberno local que se adopten medidas para paliar
a situación extrema de vulnerabilidade das mulleres en situación de prostitución, mulleres que
sofren a diario violencia machista e vulneración dos seus dereitos básicos, moitas son mulleres
estranxeiras en situación irregular e que demandamos que poidan ser atendidas polos Servizos
Sociais aínda ser estar empadroadas, algo que non está a acontecer na actualidade.
O desbordamento dos Servizos Sociais do Concello, actualmente centralizados unicamente en tres
centros de convivencia (Uxío Novoneyra, Lamas de Prado e Milagrosa) é tal, que moitas persoas
usuarias dos mesmos non están a ser atendidas. Dende EU demandamos deste goberno local a
cobertura urxente de todos eses postos de traballo precisos para atender a esta situación de crise
social, ademais da sanitaria.
No comunicado emitido o pasado 13/04/2020 por EU facíamonos eco de que “Moitos usuarios están a
queixarse de que son derivados a ONGs polas propias traballadoras sociais municipais, ante o
desbordamento da situación que, sobre todo inicialmente, foi caótica, pois ata o 23/03/2020, non se
habilitaron medidas de urxencia nos Servizos Sociais para dar cobertura ás persoas e familias en
situación de vulnerabilidade”. Esta situación de desbordamento continúa a data de hoxe e son
moitas as persoas que na actualidade están nunha situación extrema e non están a ser debidamente
atendidas polos Servizos Sociais por falta de personal.
No tocante ao eido cultural tamén propuxemos unha serie de medidas ao Concello, como
“reprogramar todos os eventos cancelados dende a declaración do estado de alarma, priorizando os
espectáculos de creadores/artistas, equipas de producción, técnicos, de son, así como promotoras e
programadoras locais (…) ao longo do vindeiro ano 2021” e “Destinar fondos da festividade do “Arde
Lucus”, no caso probable de que non poida celebrarse (…), para dotar de axudas compensatorias ás
artistas, compañas e equipos de producción locais que poidan acreditar unha merma dos seus
ingresos como consecuencia da cancelación dos seus espectáculos por mor do estado de alarma”,
que polo de agora tampouco foron consideradas nin anunciadas éstas ou medidas semellantes.
Tamén solicitamos nese comunicado que todas as axudas económicas, como o anunciado Plan
Reanima, deberan “asegurar a proporcionalidade, de forma que cheguen, nun primeiro intre ás
situacións máis precarias e urxentes, considerando os ingresos do núcleo familiar, e sempre
priorizando estas axudas aos contidos sociais para dar maior seguridade á veciñanza da nosa cidade”.
Ademáis engadimos que hai unha grande parte da poboación que queda desprotexida ao non
axustarse a súa situación aos criterios das axudas postas en marcha. Tamén retomamos as propostas
de por en marcha axudas específicas ao aluguer de vivenda e de locais comerciais obrigados ao
peche e a conxelación dos recibos de auga e lixo.
Nun posterior comunicado, o 16/04/2020, relativo aos apuntes que EU facía respecto do Plan
Reanima anunciado polo Concello de Lugo, reclamamos que era “preciso incluir un criterio de
progresividade tanto para a concesión das axudas como a asignación das cuantías”, pois “en moitas
pequenas empresas e sobre todo autónomos esta merma pode supoñer peches e perdas de máis
postos de traballo debido a menor capacidade de competir cos capitáis máis grandes (…)”. Tamén
demandamos ao Concello que “as axudas ata completar o 100 % das nóminas deberían ingresarse
aos traballadores e traballadoras, evitaría posibilidades de fraude”, algo que non se está a facer co
actual plantexamento do goberno local.
Tamén apuntabamos xa que “Consideramos que as cuantías das axudas son insuficientes, sobre
todo as destinadas na liña 2 das bases do plan, ademáis non se contemplan axudas para
desempregados ou persoas que tiñan contratos temporáis que remataron durante o estado de alarma
do COVID-19” e así o demostra a realidade, pois as axudas reais non foron tan xenerosas como as
anunciadas a bombo e prato por este goberno, xa que un pequeno autónomo non pode facer fronte ás
cuantías que ten que abonar aos seus traballadores cunha axuda cunha cuantía única e fixa de 1.200
euros, se tivo que pechar o negocio (ou 750€ de reducir a súa facturación un 75% pero non pechar),
que resulta ridícula.
Dende Esquerda Unida Lugo revisaremos con luz e taquígrafos todas e cada unha das adxudicacións
para reclamar, de ser preciso, que ningunha empresa ou autónomo se beneficie dunha axuda que non
lle corresponda deixando sen cubrir as necesidades de quen si precisa máis que nunca o apoio
institucional para poder sobrevivir.