A Fundación Franz Weber lembrou este mediodía que a colocación de lazos de caza, sen autorización ou permiso oficial, así como o uso doutros instrumentos non selectivos, é cualificado polo Código penal como unha actividade delituosa, polo que non só habería a vía administrativa para denunciar este tipo de actos.
A ONG sinala a extrema crueldade que supón a colocación de lazos, provocando que os animais que son atrapados, como raposos ou xabaríns e mesmo animais domésticos, sofren durante días agonizando sen ningún tipo de axuda, chegando a cernarse as extremidades nos seus intentos por escapar do elemento metálico. Neste sentido, o achado de catro lazos de caza no termo municipal de Baleira, como outros descubrimentos similares realizados nos últimos tempos tamén pola Garda Civil ou os axentes ambientais, evidencia que aínda segue a caza furtiva no territorio galego e que algúns suxeitos prefiren torturar animais a que os poderes públicos establezan medidas de prevención e convivencia responsable.
FFW relaciona a proliferación de métodos non selectivos e ilegais de caza co odio que se infunde sobre determinadas especies silvestres, como o propio xabarin, ao que se acusa de todos os males do sector primario desde algúns espazos políticos e desde o propio lobby procaza, mentres se denegan axudas a gandeiros e agricultores por danos nos seus cultivos ou explotacións. En lugar de fomentar a caza indiscriminada e o odio cara á fauna salvaxe, a entidade internacional aposta por traballar sobre a convivencia responsable como xa se aplica desde hai catro décadas no Cantón de Xenebra (Suíza), unha referencia internacional na materia.