A Deputación de Lugo activa a aplicación Mide a túa saída (https://mideatuasaida.deputacionlugo.org/) para calcular a distancia que se pode percorrer durante a desescalada do confinamento decretado pola crise do coronavirus. A ferramenta, moi doada de usar, calcula o límite exacto ao que pode chegar cada persoa dende a súa casa para desenvolver as actividades permitidas polas autoridades.
A aplicación pódese utilizar en calquera dispositivo electrónico, aínda que por comodidade e utilidade, recoméndase o seu uso en teléfonos móbiles ou tablets. O seu funcionamento é moi doado e só é necesario que se active a ubicación no dispositivo e se lle dea permiso á web para acceder a esta información. Desta maneira, Mide a túa saída procede ao cálculo do perímetro, quedando rexistrada a posición inicial do usuario como punto de referencia, que debe ser o lugar no que se reside. A partir de aí, amosa un mapa que sinala cunha cor vermella o radio de 1 quilómetro ou de 5 quilómetros, en función da actividade que se desexe desenvolver, saír cos nenos, dar un paseo ou desprazarse ás hortas de autoconsumo.
Mide a túa saída permítelle ao usuario mudar o punto de referencia inicial marcando a opción Nova saída. Así calcula de novo un perímetro en base á ubicación na que se atopa. Está en constante actualización, seguindo as directrices de desescalada que fixen as autoridades competentes.
A web é gratuíta e anónima e non precisa que se descargue ningunha información no teléfono ou tablet, xa que funciona coa app Google Maps, que adoitan levar instalada os dispositivos por defecto. “Isto tamén nos parece moi importante xa que somos conscientes de que xa utilizamos moitas aplicacións que ocupan espazo nos nosos móbiles, así non é ningún impedimento para ninguén neste sentido”, explica o Deputado de Promoción Económica.