López Orozco presentou as liñas estratéxicas do seu programa electoral

José López Orozco, candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Lugo, acompañado de integrantes da candidatura, presentou no Salón de Actos do Vicerreitorado da Universidade, as liñas estratéxicas do programa electoral co que concorren ás eleccións municipais do 24 de maio.

O reto que se plantexa en primeiro lugar,  é o de potenciar os recursos naturais, o patrimonio histórico e turístico, así como os atractivos gastronómicos para que Lugo saque partido de tódalas súas potencialidades. Para elo quere contar coa universidade.

O segundo obxectivo é converter Lugo no Centro de Investigación Gandeira e de Transformación da industria agroalimentaria e forestal referente en España. Para acadar este fin é fundamental a colaboración co Campus Terrae da Universidade de Santiago, que apoiará o Concello.

López Orozco destacou o traballo desenvolvido polos socialistas ao fronte do goberno lucense, “coa captación de máis de 50 millóns de euros de fondos europeos en 16 anos, superamos tódalas auditorías feitas pola UE para comprobar o uso dado a estes cartos, que serviron para o Plan Urban ou para políticas de formación”.

No referente ao emprego, López Orozco sinalou que desenvolverán un Programa de Emprego Rural: crearán a marca “Produtos da Comarca Lucense”; daránlle un novo pulo ao Mercado de Produtos Ecolóxicos e deseñarán un Plan de Expansión para a comercialización dos produtos lucenses no exterior.

Ademais, afirman que poñerán en marcha un Plan para recuperar emprego cun novo modelo do sector da construción máis sostible, centrado na utilización da madeira lucense, apostando pola rehabilitación de vivendas no casco histórico e creando tres áreas Integrais de Rehabilitación en Montirón, Barrio de San Antonio (Residencia) e a A Milagrosa.

Os socialistas sinalaron  tamén que crearán os Consellos Parroquiais, nos que se agruparán as parroquias “que permitirán que as asociacións veciñais teñan voz e voto nas cuestións que lles afectan”.

Outra das propostas dos socialistas lucenses é a modernización do transporte público, que segundo Orozco, é o máis barato de España, para que cubra as necesidades dos lucenses. Dentro do Plan de Mobilidade, apostan polo uso da bicicleta, que será o primeiro proxecto que presentará López Orozco á Unión Europea coa idea de que a cidade no seu conxunto permita a circulación en bicicleta e poidan recuperarse, así, espazos urbanos para as persoas.

López Orozco sinalou que aumentarán ata o 22% o investimento no eido social, ao que destinarán o 1% dos ingresos da ORA e o aforro en consumo enerxético, semella que López Orozco manterá o sistema ORA se é reelexido alcalde. O candidato socialista creará a Concellería de Igualdade, Diversidade e Inclusión, instaurará o Consello Municipal da Discapacidade e fortalecerá o programa de axudas para adaptación de vivendas para persoas con problemas de mobilidade. Ademais, promoverán un sistema de bolsas remuneradas para a mocidade, especialmente pensadas para quen se forme no estranxeiro.

Tamén apuntou López Orozco que non cesarán na reivindicación dos servizos sanitarios para o HULA, e que situarán a Lugo como a porta de entrada do Camiño Primitivo de Santiago e, coa creación do Consello Municipal de Turismo, traballarán en rede xunto ao sector público e privado para potenciar as posibilidades turísticas do Concello e atraer máis visitantes.

No tocante á cultura, o programa do PSdeG-PSOE de Lugo contempla a creación do novo espazo do Vello Cárcere, que será un motor da actividade cultural e asumen o “reto do novo auditorio” como contedor cultural con actividades programadas con carácter anual, para o que se facilitará un bono cultural de acceso.

Na contorna rural, afianzarán as rutas como espazo e actividade de lecer e para as instalacións deportivas, anuncia López Orozco, un investimento de 600.000 euros e a posta en marcha dun novo pavillón nas Gándaras e unha zona deportiva en San Fiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com