O Concello de Lugo, dende a área de Benestar Social, destinará neste exercicio máis de 240.000 euros ao pagamento das axudas para o alugueiro de vivendas. A Xunta de Goberno celebrada esta semana aprobaba a adxudicación da prórroga desta subvención á que se presentaron un total de 154 solicitudes.
Trátase, por tanto, da segunda anualidade da prestación para as persoas beneficiarias destas achegas que as comezaron a percibir en 2019.
Logo de que as mesmas instaran á súa continuidade, o persoal da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo realizou un traballo de comprobación sobre o cumprimento dos requisitos que figuraban nas bases da convocatoria.
“Trala elaboración dos informes correspondentes e a valoración dos ingresos ponderados, finalmente foron descartadas 18 peticións por non axustarse aos requirimentos, procedéndose a outorgar un total de 136 axudas cunha contía que oscila entre os 45 e os 175 euros mensuais, en función das circunstancias particulares dos usuarios”, indicou a concelleira Olga López Racamonde.