O mesmo que ao mercar combustible comparo o importe co prezo do “cru”, cando me notifican o custo do consumo eléctrico, “o recibo da luz”, fíxome no da enerxía consumida, ao que se suman conceptos que o disparan como Ive, equipo de medición ou canon eléctrico.
Non entendemos a vida sen a enerxía eléctrica, inexistente en boa parte do meu rural de neno. E xa que teño falado das vantaxes do rural neste tempo pechado, incorporadas as vías de comunicación, enerxía eléctrica e teléfono, cando falta algún destes elementos nótase de xeito especial.
O temporal que hai días afectou a boa parte da provincia, orixinou cortes no subministro de enerxía e, de repente, pola tarde, no concello de Begonte o tempo conxelouse. Os teléfonos móbiles tiñan carga dun vinte por cento, o ordenador almacenaba enerxía para un par de horas, non tiñamos luz, televisión nin radio; non funcionaban o frigorífico, a lavadora nin o portalón de entrada…unha catástrofe.
Procuramos a caixa de mistos de acender as velas dos cumpreanos, todas as velas que había na casa, un foco que tiña no coche e outro para as emerxencias que os nenos usan para xogar, e dispuxémonos a pasar unha noite medieval mentres inconscientemente valorabamos o papel da electricidade na nosa vida, sen a que xa non somos ninguén.
Foron arredor de dúas horas nas que aproveitamos os últimos raios do sol, organizándonos para a noite ás escuras, alumeados de xeito que parecía un aquelarre, cando de repente volveu a luz. Daquela fíxenme o propósito –a ver se me dura- de non volver cavilar no custo da enerxía eléctrica, por coidar que vai ben empregado.