A CIG desenvolveu este mércores unha xornada de protestas diante de edificios da Xunta de Galicia das sete cidades e máis en Vilagarcía e Cee para denunciar “as nefastas políticas económicas, industriais e laborais aplicadas polo Goberno de Feixoo, que se teñen demostrado aínda máis fatídicas na actual situación de emerxencia sanitaria”. Con estas accións, realizadas baixo o lema “Protexamos a clase traballadora galega. Feixoo, contigo Galiza vai á ruína”, a CIG reclama da Xunta políticas que permitan unha saída á crise favorábel ás maiorías sociais e que doten de futuro a Galiza.
A CIG sinala que “en pleno proceso de desescalada e de retorno á actividade produtiva, as receitas do PPdG para afrontar a durísima crise -na que xa estabamos de cheo antes da pandemia-, seguen a ser as mesmas: fomento obsesivo do sector servizos como único motor económico; ausencia dunha política industrial que manteña os sectores produtivos estratéxicos, capaz de atraer novos proxectos e pechar os ciclos produtivos no noso País de forma completa; entrega dos nosos recursos naturais ao servizo de grandes multinacionais e inacción ante a inxusta e imposta transición enerxética; continuísmo nas políticas de recortes e privatizacións dos servizos públicos, dos servizos socias e dos coidados ás persoas; etc”.
Unha política que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualifica de “suicida para a sociedade galega”, “que non é capaz de crear o emprego que se destrúe e que se limita a fomentar o macro-turismo no Camiño de Santiago a grande escala, a eucaliptización do país, que lexisla en favor das grandes corporacións, afondando así na histórica xeración de graves desequilibrios territoriais, sociais e ambientais e incidindo na precariedade laboral e na emigración como única alternativa para a mocidade”.
Con estas protestas a CIG reclama políticas públicas que concentren todos os recursos existentes en favor da saúde da poboación e dos intereses das maiorías sociais; e unha política económica e industrial creadora de emprego digno e con salarios xustos, que potencie os nosos sectores agrario e pesqueiro, que defenda o tecido industrial e promova proxectos industriais que completen todas as fases produtivas en Galiza, facendo así que todo o valor engadido quede aquí.
Asemade, reclaman o dereito a termos unha verdadeira transición enerxética que, matiza Carril, para ser xusta “só pode pasar porque os nosos recursos enerxéticos e naturais se poñan ao servizo dun desenvolvemento industrial que sexa sostíbel social, territorial e ambientalmente”. A CIG tamén demanda reforzar os servizos públicos, construíndo un verdadeiro sistema público galego para a atención e coidados de todas as persoas, desterrando as privatizacións dos servizos públicos e dos servizos sociais.