A Deputación de Lugo xa ten todos os protocolos de seguridade para retomar a actividade da súa rede de residencias públicas vinculada co exterior, isto é, a visita das familias e das persoas da rede de apoio dos usuarios e usuarias e os novos ingresos, aínda que para poder facelo precisa que a Xunta de Galicia lle envíe o informe favorable para a reactivación dos centros que ten pendente, tal e como informou o Presidente, José Tomé Roca.
A institución provincial ten elaborados dende hai dúas semanas os protocolos para a desescalada nas súa residencias de Trabada, Pol, Ribadeo e A Fonsagrada, uns documentos aos que incorporou as directrices establecidas polas autoridades sanitarias do Estado e tamén foi adaptando ás distintas versións que comunicou a Xunta de Galicia nos últimos días. Sen embargo, a reactivación non é posible porque falta o informe favorable que a Xunta de Galicia de debe emitir.
Unha única visita á semana e dun só familiar
Cada usuario poderá recibir inicialmente unha única visita por semana e dun só familiar ou persoa da súa rede de apoio. O servizo provincial de Benestar Social xa ten realizado una exhaustiva valoración previa destas persoas para determinar a súa idoneidade para poder facer as visitas en función de criterios sanitarios. Sempre que sexa posible, a visita producirase durante un paseo polos arredores do centro, ou ben no exterior do edificio. Cando polas condicións do usuario non se poida, terá lugar nunha habitación da residencia xa habilitada cun circuíto de acceso que non pasa por zonas comúns. Cando salgan fóra, os usuarios levarán mascarillas FFP2.
Como mínimo, entre visita e visita pasarán 30 minutos para airear e desinfectar o espazo. Cando a visita chegue ao centro, un dos traballadores recibirao na porta do recinto cun EPI completo, tomaralle a temperatura sen contacto e deberá entregar unha declaración xurada conforme non ten síntomas compatibles coa Covid-19, non tivo temperatura alta nos tres días previos, non estivo en contacto con persoas de risco e non procede dun concello cun índice de contaxio do virus superior ao do municipio no que está localizada a residencia. No caso de levar mascarilla, na mesma porta deberaa retirar e o propio centro entregaralle outra, que debe poñer xunto co resto dun EPI de características específicas para as condicións nas que se atope a persoa á que vai ver. A colocación do equipo de protección será supervisada por persoal da residencia.