A CIG salienta que “aínda se está a tempo de impedir que Alcoa execute os despedimentos na fábrica de San Cibrao e o plan de desmantelamento do complexo industrial aprobando medidas lexislativas urxentes para recuperar a autorización administrativa dos ERE, tal e como existía antes da Reforma Laboral de 2012; sentar as bases para a creación dunha tarifa eléctrica industrial máis xusta, estábel e predicíbel; e en último termo intervir das plantas de aluminio e que estas retornen ao sector público”.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lémbralle ao Goberno español que “de ter cumprido as promesas electorais e estar derrogada á íntegra a reforma laboral do PP, nestes momentos a decisión de aplicar un expediente de extinción colectivo non estaría en exclusiva nas mans de Alcoa”. Mentres non se avanza neste camiño, a CIG insta o Goberno español “a aprobar no inmediato un decreto (ao igual que fixo co articulado referido aos despedimentos por baixas de curta duración) para retomar a normativa anterior a 2012, que establecía a autorización administrativa previa para que as empresas puideran aplicar un ERE”.
Asemade, e ante a crise industrial que atravesa Galicia, “faise necesario aprobar de urxencia medidas para crear unha tarifa industrial en base ás alegacións sindicais presentadas ao proxecto de estatuto do consumidor electrointensivo, que nos dote dunha tarifa máis xusta, estábel e competitiva, que non estea condicionada ao que se aprobe nos Orzamentos Xerais do Estado e conte coas medidas complementarias suficientes”, sinala.
Así mesmo, para evitar os despedimentos, a CIG defende na necesidade de intervir as plantas de aluminio galegas e que estas retornen ao sector público, onde naceron. “Esta intervención non só é legal, senón que ten precedentes noutras fábricas similares de Europa, permitiría salvagardar o postos de traballo e a actividade produtiva, preparar un plan industrial de futuro e que a os beneficios da produción de aluminio quedaran aquí e non foran para engordar os petos dos accionistas norteamericanos”, afirma.
Finalmente, a CIG demándalle a Alcoa que reitere de inmediato a súa proposta en tanto non se leve adiante toda a axenda que se acordou na mesa multilateral creada o pasado 23 de xaneiro para abordar a problemática do complexo de San Cibrao. “Ademais, tendo en conta as millonarias axudas recibidas, nun momento tan crítico como o actual, Alcoa debe facerse cargo dos datos económicos que traslada, que a CIG pon en cuestión, e suspender calquera plan de recorte en San Cibrao”, apunta Carril.