Efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo levantaron OITO actas a outros tantos mozos por acharse reunidos na rúa do Hospital celebrando un “botellón” sen gardar as distancias de seguridade e sen máscaras de protección. As denuncias prodúcense unha vez que os axentes avisan aos mozos para que se axusten ás normas de sanidade e fan caso omiso ás ordes dos policías.
Ademais a Policía de Barrio estableceron dispositivos no centro urbano para o control do cumprimento das ordes emanadas polo Ministerio de Sanidade, relacionadas co Estado de Alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, levantándose outras SETE actas por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, polos seguintes casos:
Denúnciase a unha parella de mozas por romper a cinta policial de balizamento do parque infantil da Praza de Bretaña e facer uso das súas instalacións cando esta conduta está prohibida na situación actual de Estado de Alarma.
Denúnciase ao condutor dun vehículo por faltar ao respecto e consideración aos axentes da Policía Local no exercicio das súas funcións. (Proposta de 601 a 30.00 euros de multa).
Denúnciase a establecementos de hostalería por superar o aforo permitido.
Denúnciase a establecementos considerados como “bares de lecer nocturno” por consumir no interior do local.
Denúnciase un local por realizar a súa actividade coas portas abertas, transmitindo altos niveis de ruído ao exterior.
O Concello de Lugo fai un chamamento aos hostaleiros e a cidadanía para que tomen consciencia da necesidade de respectar os horarios e as ordes emanadas polo Ministerio de Sanidade, relacionadas co Estado de Alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Neste senso, instan a respectar a convivencia e a conciliar a necesidade de reactivar a economía local cos dereitos da veciñanza á mobilidade sen barreiras e ao descanso nocturno.