Mutatis mutandis

Afirmaba Ignacio de Loyola que “en tempos de desolación non se debe facer mudanza”, que agora viría ser que tal como anda a vida é mellor non facer cambios, non vaia ser que as cousas empeoren. Pero tamén advirte que hai que “estar firmes e constantes nos propósitos e determinación nos que se estaba no día antecedente a esta desolación”.

Ignacianos resultan os gobernantes lucenses do BNG que planteaban peonalizacións antes da pandemia, durante esta aplicáronas, e agora confirman, antes de que a desolación desapareza. Porque se ao Alcalde popular García Díez, a finais do pasado século, lle costou retirar os vehículos do centro da cidade, agora aos lucenses cada vez nos custa menos peonalizar, xa que as vantaxes xerais se foron impoñendo sobre os perxuízos particulares, e hoxe a conciencia de que os coches son un problema urbano está xeralmente admitido.

Rubén Arroxo e a súa xente xa fixera saber a vontade de peonalizar a Ronda da Muralla, seguindo o exemplo do tramo entre a Porta Aguirre e a do Campo Castelo, e a experiencia recente de achicar a Ronda un carril afondou nesa dirección, de xeito que o tramo inmediato ao xa peonil permitirá avanzar no camiño da recuperación da cidade polos camiñantes.

Entre a Porta de Santiago e a rúa Vilalba, a Ronda vai ter un só carril para vehículos e os peóns un cómodo lugar de paso. Para os coches aumentarán as dificultades, disuadindo da súa utilización. Agardemos que esta mudanza, anunciada dentro aínda da gran desolación, veña acompañada de facilidades de aparcamento para que non dubidemos en acoller favorablemente esta decisión transcendental.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com