Co remate das obras que a concellería de Infraestruturas Urbanas realizou na rúa Río Sar rematan os traballos de adecentamento e asfaltado nas rúas do barrio da Cheda. Segundo afirmou Alexandre Penas, “o inicio desta actuación estaba previsto para iniciarse no mes de marzo, mais a crise sanitaria do COVID-19 obrigounos a pospoñelo até maio”.
Durante esta fin de semana volverase abrir a rúa á circulación de tráfico, completándose a totalidade o proxecto de renovación deste barrio.
Con esta intervención, o concello de Lugo e a Área de Infraestruturas garanten as boas condicións de distintos servizos públicos e melloran a calidade de vida e o benestar da veciñanza da contorna. Para a área de Infraestruturas, os barrios periféricos teñen que ter as atencións necesarias. Alexandre Penas afirmou que “podemos facer moitas actuacións sen grandes gastos que melloren a calidade de vida das persoas”.