Petición de control e vixilancia de cans en vías e espazos públicos

Dende a Federación Provincial de Asociacións de Veciños de Lugo, queremos mostrar a nosa preocupación ante as múltiples queixas recibidas e o malestar dun importante número de veciños de distintas zonas da cidade, pola presenza de excrementos de cans nas beirarrúas, parques ou espazos verdes de uso público e o  incivismo dunha minoría de propietarios, xa que a gran maioría cumpre coa regulamentación actual e merecen todos os nosos respectos. Por iso, pedimos:

Control de  defecacións dos cans non recollidas (haberá que controlar quen manexa o animal e non leva unha bolsa de recollida e mesmo unha botella de auga para recoller e limpar as zonas onde o animal levou a cabo a  deposición, e introducir esta nunha papeleira. Tomemos como referente o acordo do  Concello de Pontevedra, que sancionará de 100 a 500 € a quen non recolla os
excrementos dos seus cans da vía ou espazos públicos e non respecte así a Lei 4/17 de Protección e Benestar de Animais de compañía.

Cremos conveniente que os cans non accedan á Muralla (ao tratarse esta dun Monumento Patrimonio da Humanidade). Solicitamos a prohibición porque entendemos que a Muralla está ás veces chea de  deposicións de cans, porque algúns propietarios non teñen consideración á hora de recoller estas.

Sanciónese aos propietarios de cans que non levan bozo a pesar de ser requirido, especialmente se é unha raza potencialmente perigosa.

Limítese a extensión na vía e espazos públicos das correas extensivas a un máximo de 2 mts. Coa esixencia de uso para todos os tipos e razas.

Que se recollan os cans que camiñen soltos e se van acompañados dos seus propietarios sanciónese a estes por incumprimento legal, xa que non deben de andar soltos en ningún espazo.

Fáganse campañas para o control periódico do rexistro de cans ante os entes de xestión do Concello de Lugo e Sanidade Animal e que este inclúa datos como ADN,  microchips, seguro e cartilla de vacinas. Ao tempo, se avance na xestión de propietarios mediante ADN, para coñecer quen non recolleu as feces e incumpre as ordenanzas.

Sinalícese de forma clara e adecuada a prohibición de uso por cans, de parques e zonas verdes da cidade, que poida ser compartidas por nenos.

Cremos conveniente que os cans circulen pola beirarrúa polo lado da rúa, para evitar que ouriñen en fachadas ou portas.

Entendemos tamén que debe de existir un imposto de tenencia e cubra os danos en fachadas e que alguén se encargue de arrombar ou reparar os danos.

Solicitamos das Autoridades competentes e da Policía Local, unha maior vixilancia e control do  incivismo duns poucos e lograr así unha actitude máis responsable cos seus concidadáns e aplíquense sancións a aqueles que non cumpran a normativa.

Queremos deixar moi claro, que non temos nada en contra da maior parte dos propietarios, pero se estamos en contra do  incivismo deses poucos que non respectan aos demais.

Comisión Executiva Federación de Asociacións de Veciños de Lugo.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com