Arroxo manifestou a súa sorpresa tras coñecer, pola prensa, o programa do partido socialista e afirmou, en relación ao anuncio de destinar o 1% da recadación da hora aos servizos sociais, que “o PSOE quere tapar as carencias en servizos sociais coa porcentaxe que din que levaba Liñares”. Para o candidato do BNG – Asambleas Abertas “non é normal que o investimento en servizos sociais quede en función dunha porcentaxe de recadación e moito menos cando se trata dos ingresos que proveñen dun sistema de control do aparcamento tan cuestionado
O candidato do BNG – Asambleas Abertas referiuse tamén ao anuncio de creación dun carril bici e sinalou “parece que a única proposta de Orozco a respecto da mobilidade é a de encerrar as bicicletas nun carril bici”. Arroxo dixo que “se o que pretende é contentar á xente preocupada por potenciar o uso da bicicleta coa creación dun carril bici está claro que descoñece cal é o modelo de cidade que Lugo precisa para potenciar a mobilidade sostible”. Rubén Arroxo sinalou, unha vez máis, que “o noso modelo é o de implantar zona 30 en toda a cidade e converter así todas as rúas en espazos seguros para os peóns, as bicicletas e os vehículos”.
Asemade o candidato, Rubén Arroxo, visitou, acompañado de compoñentes da súa candidatura, unha explotación agrogandeira na parroquia de Pedreda. Arroxo fixo alusión ao dificil momento que está a atravesar o sector lácteo galego e comprometeuse a “usar o concello como ferramenta para defender o medio rural e as persoas que viven do seu traballo”. Rubén Arroxo dixo que “en canto aos servizos, non pode haber diferenzas entre a cidade e o rural”.
O cabeza de lista do BNG – Asambleas Abertas á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, propuxo unha serie de medidas para revitalizar e dinamizar a ampla zona rural do Concello de Lugo e conseguir que sexa unha fonte de riqueza e de emprego para as persoas que habitan as distintas parroquias. O candidato nacionalista insistíu na importancia que tén a zona rural de Lugo.