A Deputación de Lugo arrancou este luns a fase de formación dos 50 mozos e mozas beneficiarios do plan Prende! Bota Raíces no Rural, un proxecto que ten como obxectivo crear emprego xuvenil e fixar poboación nas zonas menos poboadas da provincia, segundo subliñou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.
“Queremos que a xente nova se quede a traballar e a vivir no noso rural, e con este programa dámoslles ferramentas para conseguilo, axudándolles con formación e experiencia laboral a atopar un futuro nos seus concellos ou nas súas comarcas, ben sexa como emprendedores ou por conta allea”, subliñou Rivera.
As especialidades ofrecidas no marco do plan Prende! Bota Raíces no Rural son: Hostalería e Turismo, no que participan 14 alumnos e que imparte a Asociación de Hostalería de Monforte de Lemos; Agricultura e Gandería, na que participan 8 alumnos e ofrece Unións Agrarias na Granxa Gayoso Castro; Medio Ambiente, con 9 alumnos, en Pedrafita do Cebreiroe a cargo da Asociación Sectorial Forestal Galega; Enerxía e Auga, que, con 13 alumnos, impárteo no Valadouro a Asociación Empresarial Eólica; e, por último, o de Autoemprego, que ofrece AJE Lugo.
As formacións teóricas, que terán unha modalidade mixta, cunha parte telemática e outra presencial, rematarán o 13 de xullo e darán paso ao período práctico. Nesta segunda fase, a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas e así poder adquirir experiencia laboral.O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada. Os traballadores e traballadoras contratados percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seuproxecto empresarial. Este plan de emprego conta cun orzamento de 300.000€ achegados nun 92% polo Fondo Social Europeo.