O Arde Lucus máis virtual da comezo este xoves á súa XIX edición

O Arde Lucus máis virtual da comezo este xoves á súa XIX edición co lanzamento do spot promocional desta edición e cun emotivo documental, no que representantes das 19 asociacións vinculadas á celebración falan da súa importancia para a cidade.

Asemade, dende ás 18.00 horas se emitirán dende as redes sociais da Arde Lucus distintos vídeos elaborados polos colectivos, onde se ven reflicten aspectos importantes da historia romano castrexa de Lugo, e ás 23.00 horas será o prendido da chama virtual Arde Lucus na Torre do reloxo da Casa Consistorial.

O épico vídeo promocional, en galego e castelán, conta coa participación de todas asociacións en distintas localizacións emblemáticas. A voz do actor Luis Iglesias vai dirixindo un vídeo onde se recolle á forza desta celebración e a capacidade de superación do pobo de Lugo: “Baixo o lume sagrado da nosa memoria, na forxa dos deuses, en pedra e auga, trazaredes o voso camiño. Cando precisedes azos para seguir, o folgos para resistir, a vida ensinaravos que cada paso nos levará á fortuna. E cada pegada asegúrovolo, sinalará o camiño á victoria. Este é o voso fogar, olládeo, Lucus Augusti”.

No documental, mestúranse imaxes reais do Arde Lucus con declaracións de representantes das 19 asociacións, así como da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Xuventude, Ana González, nas que explican as vivencias desta festa, a súa evolución, a súa importancia para a cidade e como afrontar a transformación deste ano; así como as expectivas para o ano que vén con vistas a súa internacionalización.

Respecto á reformulación da festividade este ano debido á crise sanitaria, a alcaldesa subliña que “non foi unha decisión sinxela, pero é unha decisión responsable, o que queremos primeiramente é conter a propagación deste virus e, evidentemente, as festas masivas, con tanta afluencia como é o Arde Lucus non son aconsellables”, porén a rexedora apunta que “o Arde Lucus é pasado, é presente, pero sobre too, ten que ser futuro”.

Pola súa parte, Ana Abelleira explica que “o Arde Lucus é máis que unha festa, é un símbolo da cidade. A súa organización supón un reto continuo e este ano non podíamos deixar de facer cousas, pese á situación de incerteza, por iso seguimos traballando para manter o lume vivo, porque co Arde Lucus non pode ninguén, nin sequera unha pandemia”.

Actividades e programación

Esta XIX edición do Arde Lucus contará cun concurso de decoración e embelecemento de balcóns, ventás e fachadas. Súmase a este certame, o de caracterización, que consiste en subir fotografías, en modo público, ao Facebook co hashtag #concursovolveremos. Os premios consisten en experiencias dunha fin de semana nalgunha das cidades e vilas que se integran, cos seus festexos e xunto ao Arde Lucus, na Asociación Española de Festas Históricas.

Nas rúas, tamén persistirá viva a alma romana castrexa coa proxección dun vídeo mapping nocturno na Mosqueira coas imaxes dos festexos de anos anteriores. Será de venres a sábado, días nos que se notará a presenza de soldados romanos nas rúas.

Entre as novidades, anunciou a presenza da festa no popular vídeo xogo Super Quique, no seu nivel 2, que se estreará os vindeiros días.

Por outra banda, a carreira Mvrvs Lvcis tamén cambia este ano. Esta cuarta edición será virtual e solidaria, pois o recadado irá destinado ao acopio de material de protección para persoas vulnerables que as soliciten a través de asociacións que traballen no eido social. Os romanos e castrexos pasarán de retarse polo adarve da Muralla a unir esforzos para axudar aos máis necesitados en tempos difíciles. No sitio de ser o venres, como a miúdo, esta proba estenderase a venres, sábado e domingo.

O Arde Lucus tampouco quere esquecerse das vítimas do COVID, por iso,  conxuntamente coas asociacións que son a alma da celebración, organizarase unha homenaxe floral aos pés dos fundadores no fondo da Praza Maior.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com