Aprendendo a vivir de novo

Neste tempo aberto que desfrutamos cómpre non esquecer o acontecido no Hula, que de repente tivo que reconverterse para acoller centos de enfermos aqueixados dun terrible mal, contra o que se loitou con todos os elementos técnicos e humanos. Sabémolo, aínda confinados nas casas, desconectados da realidade directa, mais conectados informativamente ao resto do mundo.

Ese mundo exterior fóisenos abrindo lentamente, apreciando que Galicia, especialmente Lugo, era como un oasis no medio da pandemia, da que nos estabamos librando por quen sabe que influxos. E que Galicia fose o primeiro territorio español en saír do máis grave do problema, pode reforzarnos no criterio de que aquí non pasou case nada, que salvamos de milagre, e que o problema tivérono especialmente outras zonas lonxanas.

Que o único remedio para loitar contra a enfermidade fose enclaustrarse, provocou o perigo de que nos pecharamos mentalmente á realidade, só atentos ao que nos rodeaba. Ignoro cal é o síndrome que nos ameaza de mirar só por nós, os nosos e o noso, pero pode ser un elemento destrutivo da nosa visión do contorno e das relacións co exterior.

Quizais por iso non vemos por fóra tanta xente como sería de imaxinar, xa que o pecharse exteriormente provocou peches interiores. Agardemos que a normalidade actual da nosa existencia polo perfecto funcionamento da sanidade e sanitarios, nos provoque tamén a apertura de mente, a apertura aos demais para –aínda sabendo que nada será igual ca antes- construír a nova realidade na que todos sexamos protagonistas, reinventando condutas, e aprendendo de novo a vivir en comunidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com