A Deputación reactiva o programa Lugo Termal

A Xunta de Goberno celebrada este venres na Deputación acordou prorrogar o prazo do programa Lugo Termal ata final de ano ou ata que se rematen o número de prazas dispoñibles.
O Presidente da Deputación, Tomé Roca, explicou que Lugo Termal é unha acción da Deputación dirixida a favorecer o benestar social e a dinamizar a economía a través do impulso do termalismo ofrecendo descontos aos veciños e veciñas maiores de 55 anos para facilitarlles o acceso a estes establecementos e recibir terapias mineiromedinais.
Debido á declaración do Estado de Alarma o pasado 14 de marzo, este programa quedou suspendido e interrompéronse os prazos de tramitación de solicitudes, ao igual que todos os trámites do sector público. Está previsto que no mes de xullo abran os balnearios da provincia e, polo tanto, as persoas interesadas poderán desfrutar das bonificacións da Deputación.
A mediados da semana que vén esta prórroga sairá publicada no Boletín Oficial da Provincia o que permitirá que aquelas persoas interesadas poidan cursar as súas solicitudes e manifestar as súas preferencias. Para facilitar que as persoas que soliciten os bonos poidan desfrutar de calquera dos tres balnearios participantes no programa, ampliamos o prazo das estancias ata o 31 de decembro, cuns prazos flexibles e realistas ante a nova situación.
O Balneario e Termas de Lugo, o Hotel Balneario Río Pambre de Palas de Rei e o Hotel Balneario de Augas Santas de Pantón son os tres establecementos participantes no programa de termalismo da Deputación.

Asemade na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobaron as bases da convocatoria e as bases para seleccionas ás empresas nas que farán prácticas os 50 mozos e mozas que participan no Plan Prende! Bota raíces no rural que a Deputación impulsa para crear emprego xuvenil e fixar poboación nas zonas menos poboadas da provincia. 

Os 50 mozos e mozas participantes están nestes momentos a recibir formación especializada en catro sectores profesionais estratéxicos na nosa provincia e con perspectivas de crecemento, como son hostalería e turismo, enerxía e auga, agricultura e gandería, e medio ambiente. Unha vez que rematen esta fase de formación, o 13 de xullo, comezarán a parte práctica para adquirir experiencia laboral nas empresas que agora vamos a seleccionar, empresas vinculadas aos sectores nos que están recibindo formación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com