A Concelleira de Desenvolvemento Local, Rosana Rielo, acompañada polo representante da Fundación Taller de Solidaridade e a representante da asociación A Cova da Terra, Angela Hortas, presentaron as actividades de conmemoración do Dia do Comercio Xusto.
Esta actividade terá lugar o martes 12 de maio no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros en horario de 16 a 20 horas xunto co Mercado ecolóxico da Terra que xa se ven celebrando todos os martes.
Rosana Rielo explicou que Lugo é cidade amiga do comercio xusto dende hai varios meses polo que “apoiamos todas as actividades de fomento do comercio xusto e a ecoloxia”.
Dentro da Campaña Lugo, cidade polo Comercio Xusto posta en marcha o pasado ano e coa que se pretende converter Lugo nun modelo de localidade que achegue os produtos de Comercio Xusto á cidadanía a través das administracións, comercios, empresas e tecido asociativo, as entidades impulsoras promovemos a celebración do Día Internacional de Comercio Xusto con diferentes actividades, tal e como explicaron os organizadores.
Entre as actividades, vaise a celebrar un Obradoiro téxtil Tira do fío, unha demostración e degustación de doces feitos con ingredientes procedentes do Comercio Xusto e da Agricultura Ecolóxica da man de O Mercado Street Food e de Álvaro Villasante do restaurante Paprica e membro do grupo gastronómico Nove.
A partires das 18 horas tamén se celebran obradoiros para os máis cativos coa proxección dunha curtametraxe sobre o comercio xusto; mesas informativas e de venda das entidades participantes e mercado de produto de comercio xusto, ecolóxico, local e artesanal.
As asociacións organizadoras son A Cova da Terra, Asemblea de Cooperación pola Paz, Axunica, Bico de Grao, Mans Unidas e Taller de Solidaridad.