A Pobra do Brollón non terá Feira Guímara

A suspensión de festas e feiras este ano xa non é novidade. Tras a chegada do Coronavirus, os concellos e as autoridades competentes en cada caso víronse na obriga de suspender, aprazar ou cancelar todos os festexos. Aínda que a lei permite xa algunha celebración pequena, o certo é que a saúde da veciñanza prima sempre á hora de tomar unha decisión e todos os consistorios coinciden: a precaución é chave neste eido.

Como non podía ser doutro xeito, ante a emerxencia sanitaria, o Concello da Pobra do Brollón tamén se viu obrigado a suspender a súa tradicional Feira Guímara. Unha festividade ambientada na época medieval que se celebra a segunda fin de semana de xullo.

“É unha decisión que tomamos con moita tristura xa que somos conscientes da popularidade deste evento entre os nosos veciños e veciñas” asegurou o alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda. “Pero consideramos que na actual situación sanitaria a celebración da feira é inviable e suporía un risco innecesario”.

A Feira Guímara, que conmemora a revolta dos habitantes da Pobra do Brollón contra o Conde de Lemos, adoita reunir a numerosos asistentes, tanto do municipio como doutros concellos próximos. O goberno municipal tomou a decisión de suspender o evento nos primeiros momentos do estado de alarma xa que, pola natureza das actividades da feira, sería moi difícil garantir as medidas de seguridade e prevención necesarias. Ademais, a
paralización da actividade durante o estado de alarma supuxo dispor de tempo insuficiente para a organización da edición deste ano.

“Esperamos o ano próximo retomar a feira con renovadas forzas. Somos guímaros e guímaras… sairemos adiante!”, declarou Mónica Rodríguez, concelleira de eventos da Pobra do Brollón.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com