responsable comarcal do SLG da Mariña responsable comarcal do SLG da Mariña

Ivan R. Lombardero: “Non é só o coronavirus, é o clima, a enerxía… moitas cousas que nos van obrigar a facer as cousas doutro xeito”

Xeólogo ambiental, traballa no Sindicato Labrego Galego e a súa carreira está moi orientada á mellora ambiental e a sostenibilidade. Iván R. Lombardero, cabeza de lista pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas con Marea Galeguista ten claro que o mundo pide mudar a maneira de facer as cousas e con ese obxectivo se presenta ás eleccións o seu partido: para garantir un cambio na xestión que asegure a posibilidade de vivir ben dentro dos límites do planeta.

Xornal de Lugo: Xeólogo ambiental, traballa no Sindicato Labrego Galego e a súa carreira está moi orientada á mellora ambiental e a sostenibilidade. Que lle pode ofrecer esa formación e experiencia laboral para encabezar unha lista ás eleccións autonómicas, como é a da Marea Galeguista?

Ivan R. Lombardero: É un pouco casual que vaia eu de número un. Pero en realidade fun o responsable da confección do programa. A Marea Galeguista é moi consciente dos retos ambientais aos que nos enfrontamos a escala global e como o desenvolvemento no local ten que responder a ese marco e entón, as medidas que temos propostas de desenvolvemento rural etc., están moi ligadas a eses condicionantes de que nos van a obrigar a facer, ben por activa porque Europa nos obrigue a reducir as emisións ou a cambiar determinadas formas de facer ou ben polo cambio climático que nos vai obrigar tamén a cambiar cultivos, aproveitamentos… Está todo bastante condicionado ese futuro que agardamos, e que agardamos que sexa rural, e polos temas ambientais, por iso a miña posición aquí ten sentido dende ese punto de vista.

XdL: Un dos temas que sen dúbida vertebran esta campaña electoral, é a crise sanitaria. Está claro que non hai precedentes dunha pandemia similar, pero a xestión dos diferentes axentes, as veces ponse en dúbida. Que fixeron e que lles faltou por facer tanto ao Goberno central como ao da Xunta?

I.R.L: O Goberno Central é comprensible que ante unha cousa que nunca antes sucedera, pois tardou en reaccionar. Hai outros países que vendo o que pasou en Italia e en España, reaccionaron máis rapidamente, como é o caso de Portugal. Galicia tivo sorte que a pandemia en España non comezou en Galicia, senón que comezou en Madrid, Aragón, Cataluña…, tivemos ese beneficio de que nos pecharan antes de que pecharan con moi poucos casos e antes de que pecharan outros países; digamos que fomos forzados a ser máis anticipados ou máis previsores que noutros lugares e esa foi a gran vantaxe. Agora, a boa xestión da Xunta, a verdade é que vendo como se produciron esa porcentaxe grande de persoas maiores que morreron nas residencias e nos hospitais entendemos que a xestión non foi moi diferente da que sucedeu noutros lugares. A privatización deses servizos de residencia de anciáns, a precarización, a falta de medios, falta de enfermeiros…, deu lugar a que se producira esa cantidade tan elevada de falecementos.
Non vexo que haxa unha diferencia substancial entre Galicia e outros sitios máis aló da sorte, e de feito estamos vendo agora na Mariña, onde estamos agora cun brote e resulta que non existen, despois destes meses, non existen protocolos de actuación, segue sen haber transparencia, que é unha característica xa xeral da xestión das administracións e, en concreto, da Xunta. E nese curso, que supostamente estabamos preparados e tiñamos recursos abondo, resulta que, por exemplo as probas de PCR tardan catro días en dar os resultados, ou sexa que ou non hai persoal ou non hai probas ou algo ocorre para que non esteamos sendo áxiles porque agora si que non había escusas de non saber a que nos enfrontabamos.

XdL: O que cada día se ve máis claro é que este panorama vai deixar unha realidade económica e social moi diferente á que coñeciamos e con moitas carencias. Que solucións presenta a Marea Galeguista neste senso?

I.R.L: Nós temos dous tipos de solucións: a solución da urxencia, a de dicir, un “isto hai que atallalo”, este problema enorme de precarización e de pobreza que vai afectar a moita xente, hai que facer un programa de emerxencia e no que nós plantexamos a Renda Básica Universal, é de momento unha renda de pandemia na que puideramos garantir os ingresos básicos a todas as familias, de maneira que todo o mundo teña a tranquilidade de que fame, frío ou teito non vai sufrir e que vai ter as súas necesidades básicas cubertas, esa sería a primeira cuestión, e iso temos que telo claro para que a xente estea tranquila.
E despois, o que pasa que este cambio nós entendemos que non é un cambio puntual. Esta pandemia é a primeira que chega ata aquí, pero non é a primeira que sucedeu; estes días saíu a noticia de granxas de porcos con novos coronavirus potencialmente pandémicos; pero a maiores destas pandemias está o que dicíamos antes de que hai unha crise climática rural que xa nos está obrigando a cambiar a nosa economía. Ante esta cuestión estamos vendo que non é só o coronavirus, é o clima, a enerxía… hai moitas cousas que nos van obrigar a facer as cousas doutro xeito. Por iso, a nosa proposta económica de máis calado, polo que nos presentamos basicamente, é para berrar a todo o mundo e que todos os partidos nos escoiten que os cartos que veñan agora, que non se empreguen nada máis que en volver a reactivar a economía que nos trouxo ata aquí. Esa é a transición que precisamos: as renovables,a especificación das nosas explotacións gandeiras e todas esas medidas estruturais que nos van axudar a competir, ou máis ben,  a vivir nun mundo máis colaborativo, que nos axude a sobrevivir, a ter unha vida boa dentro dos límites do planeta nas vindeiras décadas. Esa é a nosa mensaxe, aproveitemos a ocasión porque as crises ademais de perigo son tamén ocasións para facer esa transformación necesaria, non deixemos pasar esta oportunidade.

XdL: A Mariña está a sufrir duramente este rebrote que se ven dando nas últimas xornadas, e o seu partido tomou a decisión de cancelar os seus actos electorais nesa comarca. Cre que pode ser unha decisión que lle reste votos?

I.R.L.: Non, en realidade o noso partido non cancelamos porque nós dende o primeiro momento, dende que se plantexou unha campaña electoral neste marco, post-pandemia, pareceunos máis prudente realizar unha campaña
basicamente virtual, no impulso fixemos cincocentos cartaces no canto dos 20.000 que fixeramos noutras ocasións. Reducimos un montón a nosa pegada e despois tamén en canto a mitíns, o que decidimos foi facer xuntanzas con asociacións e colectivos cos que xa tiveramos contacto ou que quixeran visualizar a súas demandas para aproveitar a nosa visibilidade e dar visibilidade a eses problemas. Non pensabamos organizar xuntanzas polos riscos. Xa tiñamos unha campaña deseñada conforme a estes tempos.

XdL: Tamen solicitaron á Xunta Electoral que se suspenderan os comicios nesa comarca…

I.R.L.: Non exactamente, o que solicitamos ante esta situación foi un pronunciamento da Xunta Electoral para que confirmara se consideraba que estaban garantidos os dereitos para a posibilidade de votar con seguridade para todas as persoas da Mariña, esa foi a nosa pregunta. Xa respondeu a Xunta Electoral, pero responde dicindo que considera que ela non ten nada que dicir ao respecto, que se a Consellería de Sanidade considera que as cousas van ben, pois que ela pola súa parte non ten moito que dicir. Nós consideramos que si ten algo que dicir e mesmo Pancho Casal comentou un pouco de que pensabamos facer un recurso de alzada a esa resposta.

XdL: O PP asegura que votar é máis seguro que ir a unha farmacia. Non cren que sexa así?

I.R.L.: Eu entendo que votar, o que é o acto de votar coas precaucións previstas dos alcois, das máscaras, non é un acto especialmente perigoso. O risco, entendo, está máis en saber se os locais de votación, onde pode haber cinco persoas na mesa e outros cinco interventores, todos teñan as dimensións correctas ou axeitadas neste momento en que estamos dicindo que os aforos das estancias están reducidos ao 50%. Colexios electorais ou puntos de votación
hainos de todo tipo, hainos que son practicamente polideportivos pero hai outros que son pequenos cuartos, ante iso pois pode haber situacións que realmente non concorren coas esixencias de precaución para conservar a salubridade de todos.

XdL: Consideraron unha medida electoralista a tomada por Feijóo de pechar tan só 5 días?

I.R.L.: O que a nós non nos gusta facer é xuízos de intencións, dicir cal foron as razóns, o que si nos preguntamos son os argumentos; nós non dicimos que sexa ou non electoralista, pero gustaríanos ver a que responde, cal é a razón de dicir pecho durante 5 días cando ata agora sempre os peches, debido aos prazos de incubación desta enfermidade eran de dúas semanas. Sorprende pero non imos facer ese xuízo porque non nos gusta xulgar as intencións. Xulgamos os actos e parécenos sorprendente esas medidas electoralistas e non nos estraña que se decida que se peche e se pecha nada máis que cinco días. Outra cousa tamén é que en realidade non é unha medida para protexer a saúde aso veciños da Mariña porque realmente a mobilidade aquí non mudou, a xente pode seguir indo aos bares; entón, realmente, non sabemos exactamente a que responde.A verdade que, como pasou xa da outra vez cando o Goberno Central anunciou con preaviso o peche, sucedeu durante o domingo unha fuxida de milleiros de persoas a todos os puntos do Estado Español, co cal non sei se epimoloxicamente a medida é moi axeitada.

XdL: Que lle esperará a Lugo se Marea Galeguista chega a presidir ou a formar parte do vindeiro goberno da Xunta de Galicia?

I.R.L.: Se tivesemos realmente a posibilidade de presidir, daríamoslle unha volta completamente aos prantexamentos porque dende esa conciencia dos límites do planeta e dos problemas que se nos van achegando enerxéticos, climáticos, sanitarios etc, deberíamos afrontar un cambio de modelo que sobre todo para o medio rural sería absoluto; sería un cambio de modelo cara un monte diverso e sustentable, cara unha gandeiría en extensivo, unha soberanía alimentaria; moita máis produción de alimentos para as persoas xa que agora mesmo estamos importando sobre 1.000 millóns anuais e unha industria, pequena industria do rural que transformara todos estes alimentos dándolles máis valor engadido, renovables, eficiencia enerxética… digamos moito emprego verde e moita máis redistribución da riqueza entre todas as persoas. Eses sería un pouco o noso proxecto. Cal vai ser a realidade? Se temos a posibilidade de condicionar polo menos as políticas dun goberno alternativo porque o PP non consiga unha maioría absoluta, entón a nosa proposta é cambiar a forma de funcionar, deixar de gobernar para unha
metade fronte a outra metade da sociedade, porque estes retos dos que estamos a falar son retos enormes de cambio de modelo, non podemos facelo co 50% dos galegos contra o outro 50%, senón que necesitan consensos básicos. Nós
proporíamos nese caso que ese goberno de progreso que se formara fora un goberno que contara sempre coas opinións e as valoracións da basesocial do Partido Popular que vai seguir sendo moi importante en Galicia, entón apostamos por unha forma de gobernar a base de consensos básicos porque os retos son moi importantes e non podemos estar cambiando as leis cada catro anos.

XdL: Un último chamamento ao voto?

I.R.L.: Sabemos moi ben o que nos xogamos e entendemos que a cidadanía e a xente do rural tamén están perfectamente preparados para tomar a súa decisión, o que decidan eles ben estará.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com