Reixtro Civil

O Xulgado ratifica as medidas adoptadas pola Xunta na Mariña fronte á COVID-19

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo emitiu hoxe un auto no que ratifica as medidas de prevención acordadas pola Consellería de Sanidade o pasado 10 de xullo como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19. As medidas afectan aos municipios de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. A maxistrada indica no auto que as decisións tomadas pola Xunta son “adecuadas á situación existente na Mariña lucense e, en concreto, á evolución dos casos que se detectaron ao longo dos últimos días”. Ademais, destaca que, atendendo á situación concreta de cada municipio da comarca, a autoridade sanitaria procedeu “a discriminar as diferentes zonas, adoptando medidas restritivas unicamente naqueles lugares onde a taxa de incidencia do brote evolucionou de forma importante, flexibilizando tales medidas noutras zonas onde ou ben non se detectaron casos ou foron escasos ou puntuais”.

“Non cabe dúbida de que a ratificación xudicial que agora se interesa persegue un fin constitucionalmente lexítimo e a súa adopción está amparada por unha norma de rango legal”, recalca a titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo. A xuíza incide no auto en que existe “proporcionalidade” nas medidas adoptadas e que, limitadas no tempo, son “idóneas, absolutamente imprescindibles e necesarias aos fins que perseguen, sen implicar un sacrificio desmedido por parte da poboación afectada ante a gravidade da situación”. Por todo iso, a maxistrada considera que se axustan aos parámetros fixados polo Tribunal Constitucional cando se trata de intervencións dos poderes públicos que inciden na liberdade da cidadanía.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com