Nas horas reduciuse noutros 26 o número de casos activos relacionados co brote de covid-19 que afecta ao distrito sanitario da Mariña. Das 32 PCR realizadas nesta última xornada, tres resultaron positivas. A maiores, nas últimas horas, outras 29 persoas positivas en covid-19 foron dadas de alta tras curarse e superar a enfermidade, o que deixa o número de casos activos en 86, é dicir, 26 menos ca onte.
Das 32 PCR realizadas nas últimas horas a persoas relacionadas con este brote, tres arroxaron resultado positivo. As restantes 29 foron negativas. Neste momento a porcentaxe de PCR positivas é moi baixa respecto ao momento no que se adoptaron as medidas especiais para conter o brote no distrito da Mariña, cando aproximadamente o 20% das PCR realizadas eran positivas.
Así mesmo, destacar que todos os novos positivos que se seguen a detectar nesta área están relacionados co brote, o que permite seguir a trazabilidade dos casos e continuar na estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar a transmisión e conter o brote.