Nos próximos días a área de Deportes acondicionará a pista de rugby situada no estadio das Pedreiras. A intervención, segundo explicou o concelleiro responsable, “ten como obxectivo a remodelación completa do campo de xogo para mellorar as súas prestacións xa que, na actualidade, a instalación presentaba algunhas eivas de conservación”.
Miguel Fernández indicou que a actuación consistirá, fundamentalmente, na retirada da cuberta vexetal actual e na descompactación do terreo así como na subministración e estendido da area, sementado de céspede – cunha mestura de diferentes variedades de gramíneas – apto para a pisadura, así como a súa posterior fertilización.
“As obras, que terán unha duración aproximada de dez días, inclúen tamén o repintado das liñas da cancha así como a revisión e posta a punto do sistema de rego por aspersión”, abondou o edil que, á súa vez, sinalou que os traballos contemplan xa o mantemento mensual do recinto, “a base de segas e renovación de semente naquelas zonas que se deterioren ou presenten un maior desgaste co fin de garantir o bo estado da herba natural en todo momento”.