Membros do comité de Alcoa e da industria veñen de iniciar unha acción de protesta na Subdelegación de Lugo para esixir do Goberno actuacións urxentes e contundentes que eviten o plan de despedimentos e parada das cubas que pretende a multinacional.
Un grupo de traballadores/as está encadeado no balcón do edificio da Subdelegación para esixir do Ministerio que traslade os datos concretos da proposta industrial en canto ao presunto socio inversor e ao plan enerxético, así como para demandarlle que fixe data de convocatoria da mesa multilateral e responda á carta enviada a primeiros de mes pola plataforma do persoal das auxiliares para que a súa problemática laboral tamén se teña en conta en calquera posíbel solución para a factoría de San Cibrao.